Vinte e dous artistas actúan polo agro no Festival de la Luz

La Voz SANTIAGO

CULTURA

Luz Casal en el Festival de la Luz de 2019
Luz Casal en el Festival de la Luz de 2019 XOAN A. SOLER

O encontro solidario impulsado pola cantante de Boimorto no seu concello natal ofrece música en directo ata o domingo

10 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A finca que acolle a casa na que naceu Luz Casal no municipio coruñés de Boimorto volve abrir as súas portas ao público outro setembro máis -e xa van aló oito- para acoller o festival impulsado pola cantante para reivindicar a idiosincrasia do medio rural galego, e espertar conciencias comprometidas e solidarias. O reclamo volve ser un cartel con un bo feixe de artistas -vinte e dous nesta edición- con propostas musicais para todos os gustos que soarán, dende hoxe e ata o domingo, nunha contorna pensado para gozar en familia.

Unha zona con actividades para os máis cativos, variedade de xénero feito a man por artesáns galegos, e cociña de autor tamén da casa envolven o Festival de la Luz, que repite a organización do recinto en leiras, como así se identificaron os espazos delimitados e debidamente distanciados entre si cos que, o ano pasado, se adaptou á pandemia para minimizar o risco de contaxio de covid. En parella ou en grupos reducidos de ata un máximo, como é obriga, de dez persoas darán testemuño os asistentes da música en directo que, dende esta tarde, ofrecerán Superglú, Kings Of The Beach, Moura, Irene Garry, Broken Peach, Nil Moliner, e Monoulious Dop.

A Fundación Andrea, unha entidade de Santiago que presta apoio ás familias con fillos hospitalizados, e a Cruz Vermella son os dous colectivos sen ánimo de lucro aos que se doará a recadación da venda de entradas do Festival de la Luz, que dispón trinta horas de música ao vivo por causas solidarias que, mañá, desprazarán a Boimorto a Los Jinetes del Trópico, Alice Wonder, Soleá Morente, Rodrigo Cuevas, Def Con Dos Tenores, Obús e Di Brain. A xornada dará comezo coa actuación de Os Santiaguiños de Boimorto, un recoñecemento de Luz Casal á musica popular galega, e un agarimo ás humildes agrupacións que dende recunchos de toda a comunidade perseveran por manter o latexo da tradición.