Ourense estreará a obra de Manuel María «A lúa vai encuberta» 44 anos despois
CULTURA

O autor chairego escribiu a peza a finais dos setenta para a Agrupación Cultural Auriense, pero non chegou a representarse
09 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O Teatro Principal de Ourense acollerá este venres ás 21 horas a estrea da montaxe gañadora da segunda edición do certame Manuel María de proxectos teatrais, que promove a casa-museo do escritor. A obra é unha coprodución das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante e conta cunha singularidade e unha historia que a fan atractiva en si mesma, xa dende antes da súa propia estrea.
A lúa vai encuberta, que así se chama a peza, toma como base o texto orixinal homónimo obra do autor chairego. Este mércores, data na que se cumpriron os 17 anos do pasamento do poeta, presentouse o espectáculo na mesma cidade na que a obra se ía representar orixinalmente, en 1977. Manuel María escribiu A lúa vai encuberta para que fose estreada pola entón activísima Agrupación Cultural Auriense, da que nos tempos do franquismo formaron parte persoas como o poeta e dramaturgo Millán Picouto, o ilustrador Xosé Lois González -Carrabouxo-, o avogado Nemesio Barxa ou Manuel Guede, escritor e dramaturgo que foi director do CDG -institución que, por certo, participa no proxecto-. A lúa vai encuberta volverá á cidade para a que foi creada e representarase non moi lonxe de onde aínda se mantén o legado da asociación Auriense.
Historia oculta do país
A montaxe que se estreará no Principal -con representacións tamén os días 11 e 12- está dirixida por Tito Asorey e conta como protagonistas cos actores Davide González, Vanesa Sotelo, Melania Cruz e o propio Asorey. A dramaturxia correu a cargo de Vanesa Sotelo, Laura Iturralde é a responsable da iluminación e Carlos Alonso do espazo escénico e do vestiario.
O poeta e dramaturgo Manuel María relata na súa obra nunca representada, ata o de agora, un período da historia de Galicia que percorre varias décadas e ten como punto de arranque o ano 1936. Na presentación da montaxe participaron o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; e o secretario da casa-museo Manuel María, Alberto Ansede. Baltar salientou o feito de que a obra incide no repaso da historia «de Galicia, a nación cultural á que pertencemos» e Núñez incidiu no valor engadido das institucións e entidades que apoian o proxecto. Ansede lembrou que o premio non conta cunha dotación importante, mais o valor engadido son as trinta representacións da xira xa pechada por toda Galicia.