Celso Emilio e Blanco Amor a través dunha carta exhumada

Ramón Nicolás

CULTURA

Unha imaxe do escritor Celso Emilio Ferreiro tomada no parque Isabel la Católica de Xixón no ano 1975.
Unha imaxe do escritor Celso Emilio Ferreiro tomada no parque Isabel la Católica de Xixón no ano 1975.

Na madrugada dun día de 1979 coma este 31 de agosto falecía o poeta de Celanova

31 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasada a medianoite do 30 de agosto de 1979 falecía na súa casa viguesa da avenida de Castrelos Celso Emilio Ferreiro. Esa foi a data que consta no certificado de defunción e a que se dá por oficial aínda que, en puridade, non o sexa. Dun e doutro xeito os medios de comunicación escritos, como é lóxico, non puideron ofrecer a noticia ata o día 1 de setembro e fixérono ampla e xenerosamente como era de agardar, pois desaparecía unha das voces máis salientables da literatura galega do momento.

Neste novo cabodano quixera evocar, moi brevemente, a relación de mutuo respecto e admiración que uniu a Celso Emilio Ferreiro e a Eduardo Blanco Amor. Fágoo a través dunha carta depositada nos fondos da Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense que testemuña a devandita afirmación. A misiva está datada o 16 de abril de 1956 e nela Celso Emilio acusa recibimento, con palabras eloxiosas, do libro En soledad amena que o autor de A esmorga lle fixera chegar. Con todo, ao meu entender, o valor da carta reside na súa parte final en que o celanovés, se cadra como resposta á percepción que Blanco Amor atesouraba, sinala que a súa figura non caeu no esquecemento coas seguintes palabras: «Los hombres de letras que vivimos en Galicia, no le olvidamos. Está usted presente siempre», ao que engade, coa sutileza precisa para o correo postal daquel tempo: «Lo que ocurre es que vivimos bastante cerrados en nosotros mismos, debido al tiempo que hace: un tiempo pobre, oscuro y triste para el espíritu».

«Fantasía geográfica»

Antes da despedida formal o propio Celso Emilio apunta que esta carta acompaña un exemplar de Voz y voto, libro que incorpora poemas belixerantes que serán transvasados nalgúns casos a Longa noite de pedra. Refírese a el cunha aclaración marabillosa: «El pie de imprenta es una fantasía geográfica que fácilmente comprenderá». En efecto: unha fantasía xeográfica que, para evitar problemas coa censura, situouno editado imaxinariamente en Montevideo, nunha inexistente colección Papel de Estraza cando na realidade vira a luz no prelo da empresa viguesa Gráficas Numen.

A relación epistolar entre os dous ourensáns seguiría andando os anos e aínda colaborarían en diversos proxectos comúns. Un deles foi a presentación da reedición do poemario Fírgoas, de Manuel Luís Acuña, celebrada en Ourense o 10 de maio de 1979: probablemente a derradeira vez que publicamente compartiron un espazo común.