Gaseado hai 80 anos

CULTURA

20 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moito tempo que me intereso pola vida e a obra literaria de Juan González del Valle, que foi catedrático de Literatura española, desde 1933, en varios institutos de España. Naceu na Coruña o 9 de outubro de 1898, o ano en que naceu García Lorca, e tivo un final, en 1941, en certo modo semellante. Na Coruña colaborou, antes da guerra, na prestixiosa revista Alfar, e na Coruña publicou o único texto en lingua galega coñecido por min: o limiar dunha antoloxía de poesías de Lamas Carvajal na Biblioteca Escollida de Autores Galegos (1925), colección da que só saíu este número. El foi, sempre, un escritor en castelán, cunha prosa moi literaria, ás veces na liña de Valle-Inclán.

Pouco, moi pouco, se sabía deste escritor, nin entre os estudosos das Letras españolas, nin entre os especialistas no éxodo dos republicanos españois aos campos de exterminio nazi. Nestes días tiven a sorte de ler unha monografía inédita que non tardará en saír do prelo publicada pola Asociación da Recuperación da Memoria Histórica, empeño editorial no que está, entre outras, a man esforzada de Carmen G. Rodeja. A autora, María Torres Celada, hai tempo que investiga con rigor e paixón o capítulo dos deportados galegos aos campos nazis. Titula esta documentadísima monografía Juan González del Valle. Un intelectual gallego asesinado en el castillo de Hartheim.

En efecto, despois de pasar por Mauthausen, foi asasinado na cámara de gas dese castelo o 16 de agosto de 1941: fixo o luns pasado oitenta anos. A investigadora conta o periplo sospeitoso: a fin da Guerra Civil, o paso a Francia; xa na Francia colaboracionista, en Angoulême, apresado polos nazis, e, a partir de aquí, o tren de mercancías que o levaría á xeografía do exterminio con outros 925 españois.

Na Guerra dos Tres Anos publicou ensaios admirables en Nova Galiza (sobre Rosalía e Valle) e en Hora de España (sobre Arturo Souto e a magna Literatura española de Valbuena Prat, unha reseña moi orixinal). De moitos outros textos, noutros anos e lugares, dános precisa noticia bibliográfica María Torres Celada. Cumpriría exhumar algúns deles.