Fátima Núñez Delgado: «Florencio merece as Letras pola súa obra e por potenciar o galego no exilio»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

Está segura de que os fillos do autor visitarán Galicia o próximo ano

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non chegaron a coñecerse, pero na vida de Fátima Núñez Delgado (O Barco de Valdeorras, 1981) sempre estivo moi presente a figura de Florencio Delgado Gurriarán. O protagonista do Día das Letras 2022 é na súa casa «o tío Florencio», aínda que en realidade non é tío seu. «Era curmán do meu bisavó, e tratábanse como irmáns; e era o padriño do meu avó, de aí o de tío», explica a actriz, poeta e dramaturga. De feito, Delgado cre que é desa raíz familiar que vén a súa faceta máis literaria. Ela é poeta, actriz e dramaturga.

-Non se trataron, pero fala del con moito cariño.

-O meu avó chamábase Florencio polo seu padriño, e tíñalle moito cariño. De feito, despois de morto Franco, anos despois, alá polos oitenta, Florencio Delgado Gurriarán volveu a Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) para ver a súa aldea, e tamén para ver á familia. Durante todo o tempo que estivo no exilio mantiveron a relación, e o que facían era cartearse. De feito, miña nai e miña tía Elba incluso teñen cartas e postais que se escribían con el tamén, e sempre en galego. E algún agasallo que lles trouxo, como unhas maracas ou un colar. Teñen tamén moitos recordos de cando viña, que fixeron unha festa grande, porque a Florencio gustáballe moito cantar e bailar. Era moi amante da terra, así que ao volver non faltaba o himno nos seus cánticos, aínda que tamén houbo rancheiras. Nunca se esqueceu da terra nin do galego. De feito, á miña nai ata lle fixo a invitación de voda, cun poema. Sempre foi ese familiar ilustre, pero moi cercano. Sen dúbida, era unha figura emblemática na familia.

-Como recorda que falaban del?

-De pequena contábanme que había un poeta ilustre que tivera que exiliarse e desde o exilio participara na intelectualidade galega. Para min era un orgullo, non só polo cariño que lle tiñan na familia a Florencio, senón polo traballo que fixo no exilio.