A Mostra Internacional de Ribadavia reconecta novamente con Europa

Pablo Varela Varela
Pablo Varela OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Representación da obra Distans na Alameda de Ribadavia
Representación da obra Distans na Alameda de Ribadavia Santi M. Amil

A compañía de Manolo Alcántara citouse onte co público no castelo da vila

26 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia dixo onte adeus, e fíxoo coa compañía de Manolo Alcántara deixando entre os asistentes no auditorio do Castelo, ás beiras da medianoite, unha mestura de emocións, «de comunidade, memoria e festa», en palabras do director da MIT, o carballiñés Roberto Pascual.

O ano pasado, aínda na segunda vaga da pandemia de covid-19, Pascual apostou por unha edición de paréntese, máis autóctona, con risco e presión pola propia situación sanitaria, pero sen perder de vista o obxectivo da Mostra: a internacionalización. «En Galicia, o déficit é coñecer ós grandes mestres sen ir a Madrid ou Barcelona», sostén Pascual. Nesta nova cita estival co teatro e a danza na vila ribadaviense, que comezou o pasado 16 de xullo e rematou este domingo, houbo tempo para contemplar o traballo do coreógrafo grego Christos Papadopoulos, pero tamén o da Needcompany de Jan Lauwers, integrada por actores chegados desde Arxentina ou Bélxica, entre outros países, na súa primeira estadía en terras galegas.

Foi, en definitiva, unha edición orientada a retomar a conexión con Europa, nun contexto de incertidume. «Se algo resume a Mostra deste ano quizais sexa iso, por todo o que implicou a nivel de capital humano, a seguridade do público, traballadores, artistas e voluntarios. A xente ten dereito a ter un evento cultural seguro, e Ribadavia a dispoñer dun motor de dinamización turística sabendo que, nun contexto complicado, tampouco debemos abandonar as nosas artes escénicas e a cultura», pondera o director.