Unha data para lembrar o roteiro da xente de Nós a Compostela

La Voz OURENSE

CULTURA

Agostiño Iglesias

95 anos despois escenificouse o xantar dos camiñantes na Insua dos Poetas

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xullo de 1926. Ano Santo nas terras de Compostela. Dende Ourense saen o día 23 camiño da cidade do Apóstolo sete homes, a maior parte deles figuras senlleiras da Xeración Nós. Algúns camiñan dende Auria e outros sairanlle ao camiño para subir xuntos ao Pico Sacro, e atoparse cos mozos nacionalistas, e seguir logo cara ao Obradoiro. Son Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Lois Feixoo, Antón Sánchez, Xavier Prado e Afonso Vázquez Monxardín. A xente de Nós botouse máis adiante de novo ao camiño noutra xeira histórica, a que os levou da Praza do Ferro de Ourense a Santo André de Teixido. Tamén daquela os da cerna da Xeración Nós -Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas- foron quen de liderar a camiñata que o patriarca das letras galegas recolleu en Pelerinaxes II.

O Camiño de Nós, que dende hai un tempo se está a reivindicar, levou aos ourensáns ate Compostela tripando as congostras e os carreiros polos que andaban os arrieiros, as bestas e os labregos. En parte polos camiños que percorrían os arrieiros que ían do Ribeiro á cidade do señor Santiago e, noutra parte, polo Camiño real. Na xornada do 24 deixaron O Carballiño para cubrir unha nova etapa -camiño das terras do Deza e da Estrada para entrar en Compostela o día 25- e esa xeira foi a que onte conmemoraron na Insua dos Poetas. 95 anos despois lembrouse aos ourensáns ao pé do camiño que fixeron -saíron do Carballiño pola Ponte Veiga e gozaron da igrexa e do pazo de Madarnás, parroquia á que pertence a Insua, e mesmo cruzaron pola Ponte do Eixán, o regato que bica o espazo de natureza e arte onde se celebra cada ano a Festa da Palabra- e para a ocasión decidiuse escenificar o xantar dos camiñantes.

No acto o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, lembrou derriba do Auditorio Nós, que os camiñantes decidiron cubrir o trazado Ourense-Compostela por camiños populares e tendo como referencia a cartografía que aparecía recollida no mapa de Domingos Fontán.

A representación, na que se contou coa presenza do responsable de Política Lingüística, correu a cargo da compañía Hípica Celta.