Publícase en galego «Unha educación», a historia de superación de Tara Westover

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Hércules

Hércules incorpora o volume de memorias á súa colección «Sen fronteiras»

22 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora norteamericana Tara Westover (Idaho, 1986) foi a máis pequena nunha familia de sete irmáns. Os seus pais pertencían á Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Últimos Días e os criaron pola súa conta, sen frecuentar escolas nin consultas médicas, practicamente illados da sociedade. Cando Westover acadou a adolescencia, entrou por vez primeira nunha aula e alí sentiu un irrefreable interese por formarse. Tras unha primeira etapa na que loitou por afacerse a ese novo escenario na súa vida, Westover desenvolveu unha lograda carreira académica que a levou a facer un posgrao en Cambridge e a ser profesora visitante en Harvard. Foi neses tempos nos que denunciou publicamente que un dos seus irmáns abusara dela, o que causou a ruptura de relacións coa súa familia.

Esta viaxe da escritora e profesora é a cerna do libro Unha educación, que recibiu numerosos premios nos Estados Unidos e se converteu nun fenómeno de vendas. Agora está dispoñible en galego, traducido por María Alonso Seisdedos e publicado por Hércules nunha edición á que contribuíu o ilustrador Marcos Viso. O selo galego incorpora este título á súa colección Sen Fronteiras, que busca traer obras senlleiras de calquera lingua do mundo.