Don Ramón, filólogo

CULTURA

Otero Pedrayo, en 1958, tras ditar a derradeira lección.
Otero Pedrayo, en 1958, tras ditar a derradeira lección.

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasado mañá é o Día de Galicia, con especiais celebracións en Santiago de Compostela, a cidade tan amada, tan cantada e tan estudada por don Ramón Otero Pedrayo. Lémbroo, nos anos 1957 e 1958, paseando só, ás noites, polos lugares esenciais da vella urbe: percorrendo a praza do Obradoiro, saudando (nas Praterías) aos cabaliños de pedra, interpelando (na rúa da Conga) aquel fermoso farol sobre o que compuxo un magnífico poema... Don Ramón escribiu un excelso canto ao «Camiño», que publicou o 25 de abril de 1943. É un dos seus poemas composteláns, que ben merecían unha edición de bibliófilo (algo anotada, sen dúbida).

Nese ano, o 17 de outubro, escríbelle unha carta espléndida ao gran filólogo Dámaso Alonso, aínda inédita. Nela, o gran cavilador de Trasalba comunícalle con tristura: «Galicia, actualmente, carece de filólogos». Era certo. O único citable naquelas tristes datas era Aníbal Otero, que saíra da prisión, despois de cinco anos, había dous, dato que quizais non chegara á noticia de don Ramón no ermo informativo daquel tempo.

Así as cousas e dirixíndose a un mestre da Filoloxía na Universidade de Madrid, don Ramón formula unha arela: «Yo tengo 55 años [don Dámaso, 45] y, si dispusiese del silencio e independencia de una biblioteca conventual aun me prometería hacer algo a pesar de mi lamentable falta de método». Grandioso don Ramón, que escribía desde Trasalba, había seis anos expulsado da súa cátedra! Consciente da importancia da Lingüística galega e da súa menesterosidade, el, o inmenso polígrafo, xa o Patriarca das Letras galegas, manifesta o seu compromiso cunha póla das Humanidades tan desasistida en Galicia.

Cómpre editar o epistolario Otero Pedrayo?Dámaso Alonso, xa que o inverso foi exhumado e rigorosamente anotado polo profesor X. A. Fernández Salgado na Revista de Filología Románica (Madrid, 2018). Hoxe, o que me propuxen foi evocar, no adro do Día de Galicia, a don Ramón como un monumento vivo de Compostela e como un patriota da causa da cultura que, na penuria filolóxica de 1943, sente o desexo de colaborar nas nobres tarefas da Lingüística galega.