Xavier Alcalá reescribe a súa novela maldita, «Tertúlia»

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor Xavier Alcalá
O escritor Xavier Alcalá MIGUEL VILLAR

O autor recupera un título descatalogado dende hai 35 anos

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1984 Xavier Alcalá (Miguelturra, Ciudad Real, 1947) presentou unha novela ao premio Blanco Amor que foi desestimada non por méritos literarios, senón por «mostrar o mundiño ruín dos concursos e as vacas sagradas académicas, e por incitar á sospeita de que nela houbese un plaxio inadvertido polo xurado», segundo Alcalá. Nun deses xogos de literatura dentro da literatura, Alcalá armara unha historia na que un escritor, Xoán Castro, sufría un bloqueo creativo e optaba por plaxiar a un autor brasileiro descoñecido para concorrer a un certame. A realidade, xa que logo, imitaba á ficción.

Esta obra, Tertúlia, correu de man en man en fotocopias, ata que a publicou Sotelo Blanco. «É unha obra complexa e de grande rigor, tanto na linguaxe como na estrutura, que retoma o xénero de aventuras e á vez realiza unha crítica moi aguda sobre o mundo literario actual en Galicia», escribiu daquela Basilio Losada en La Voz de Galicia.

Destacatalogada dende hai 35 anos, a novela regresa agora, nunha versión reescrita que engade aínda outra capa máis de xogo literario, xa que revisita os feitos do pasado a través dun intercambio de correos entre Xoán Castro e outro personaxe do libro orixinal, incorporando deste xeito o sucedido dende entón. O máis curioso é que a suposta novela obxecto de plaxio en Tertúlia, non era outra que Cárcere verde, unha ficción orixinal de Alcalá que coñeceu sucesivas edicións e mesmo apareceu en castelán como Contra el viento.

Ademais desa lectura metaliteraria, Tertúlia, e a súa nova encarnación, Tertúlia revisitada, formulan outras cuestións daquel tempo pero que seguen a ser pertinentes hoxe, como o debate sobre o idioma e a súa ortografía e «a inoperancia de institucións con postos a perpetuidade, mais as relacións endogámicas desas institucións e as súas conexións coa clase política, encargada de subvencionar a actividade literaria», segundo Alcalá.

Tertúlia revisitada está dispoñible, en papel e versión dixital, na biblioteca que o autor abriu en Amazon, e que acolle traducións dos seus libros a varias linguas.