«É unha das máis fermosas columnas da nosa arte de todos os tempos», asegura o pintor
21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.No 1984 falaba nunha entrevista en La Voz: «Los que dicen grandes mestres no son sino grandes pintores», pero, foi Laxeiro un mestre para vostede?
-Así é. Só os bos pintores poden ser mestres no seu: se non coñeces as entrañas da arte non podes ensinar. Para min Laxeiro foi a revelación da pintura no seu taller de Vigo e de Madrid; indo de exposicións con el e visitando o Museo do Prado, escoitando o seu parecer e consellos..
-Cando entrou en contacto con Laxeiro?
-Fixen o bacharelato superior no instituto do Calvario en Vigo. O pintor Xavier Pousa foi o meu profesor de debuxo e coidoume moito. El foi quen me presentou a Laxeiro.
-Ambos comparten o apego á terra natal, ás súas xentes, que reflicten nas súas obras.
-Laxeiro é carne das montañas de Galicia ás que amou verdadeiramente. No Pórtico da Gloria atopou o seu territorio e andou mundo adiante (en Cuba de rapaz, en Buenos Aires no mellor da súa vida) e sempre tivo as súas vivencias da infancia -é materia do artista en moitos casos- no centro das súas pinturas. Laxeiro é fábula, é corazón de aldea: da súa aldea e da súa imaxinación que é magnífica e fundadora.
-Algunha anécdota, algunha lembranza especial nos seus anos de relación?
-Laxeiro era, é, billonario nesas xogadas... O primeiro que me preguntou foi que de onde era eu. Son de Maceira, de San Martiño de Maceira. E paréceme, mirando a cousa hoxe, que aí mesmo naceu a nosa amizade... De mociño, sendo barbeiro en Lalín, foron da miña parroquia a pedirlle que se podería restaurar a estatua do noso patrón San Martiño que estaba a podrecer. Laxeiro aceptou o traballo en moi boas condicións... Pero restaurar non é pintar... E rematou o encargo astracanadamente. Estufouno de chapapote que había dabondo en Lalín e meteuno nun saco. E quedou coa comisión da miña parroquia. Díxolles que non abriran o saco en dous meses, que tiña que secar o santo. Cobrou e veuse para Madrid. Díxome: cando volvín a Lalín ía as agachadas, matinaba que atoparía aos de Maceira a buscarme para poñerme o lombo a andar. A mediados dos 70 foi á festa á miña casa e os vellos que tiñan boa memoria da Batallita do San Martiño rosearon moito e bonito con ela... Que a vida pasa e a primavera volve!
-Historiadores e críticos falan dun artista xenial, excesivo e contraditorio.
-Laxeiro home vestíase polos pés. Domeador do seu mundo e delicado como todo gran creador. O noso mundo cultural, naquel tempo era paupérrimo. El era un artista enteiro: cantaba, bailaba, sermonaba. E se tiña bo día, era cousa de marabilla estar na súa compaña. E se a cousa andaba torta, que lle vas pedir a un día de tronada? As súas cualidades naturais eran incomparables. Era grande admirador e observador: oírlle falar da súa primeira mestra dona Teresa e de don Ramón María Aller Ulloa, o noso crego de Lalín e astrónomo abríache o ceo.
-Renovador, galeguista, moderno,…. Tamén falan os críticos dunha linguaxe propia a veces abandonada. Creo así?
-Laxeiro é unha das mais fermosas e poderosas columnas da nosa arte de todos os tempos. No seu traballo hai, como ten que ser, variedade e como non, cimas e vales e chaos. En que artista nobre non é así?
-Foi un creador á marxe dos códigos, coa súa imaxinación e talento como patria, como afirma Antón Castro?
-Si! Di ben Antón Castro. Laxeiro foi grande estudoso da pintura: ir con el ao Prado e ver a Goya, a Tiziano, o Greco, a Velázquez, a Brueghel, era asunto de primeira. Coñecía a arte do seu tempo e foi un creador do seu tempo. Á luz do mediodía está: Laxeiro é sempre Laxeiro!
-Ocupa o pintor máis universal de Galicia do século XX o lugar que lle corresponde?
-Na arte galega, si. Na española é un descoñecido e na europea máis.
-Que supuxo para xeracións como Atlántica?
-A nosa xeración viu en Laxeiro o exemplo a seguir: afondar nas nosas raíces e ser do noso tempo.
-Que etapa na súa dilatada e prolífica vida lle impresiona máis?
-Laxeiro é un todo. E que dúbida cabe: con obras maiores, medianas e menores en cada época.
-Debuxo, gravado, óleos,… Foi brillante en moitas facetas da arte.
-Laxeiro é pintura e é debuxo. Canta marabilla nos seus debuxos! Cantos miles de debuxos que non coñecemos! Aquel xogar de Laxeiro coa pluma na súa libreta a calquera hora en calquera sitio!
-«Eu son un bohemio que apareceu neste país». Son palabras de Laxeiro na súa antolóxica no CGAC de 1996.
-Era rico en palabras Laxeiro para falar de Laxeiro. A min gústanme: eu son Laxeiro, un anarquista indolente.
-«A miña vida é unha historia triste e alegre porque fago bailar as musas». Hai más de traballo constante na súa arte ou de inspiración puntual?
-Traballo e inspiración son condicións necesarias para facer arte. E cando as musas bailan, Laxeiro sabe que ese é o camiño que leva a Compostela ao Pórtico da Gloria, que inesquecibles veces alabamos e gozamos xuntos. E logo íamos ao Bombero a xantar tortilla á honra do Mestre Mateo.
-«Trasmundo», unha das súas obras emblemáticas, está dende hai pouco exposta no Reina Sofía.
-Trasmundo é unha das obras mestras de Laxeiro. Laxeiro merece unha sala no Reina Sofía. É unha ofensa a Galicia e unha ofensa á pintura que a día de hoxe Laxeiro siga sen ter unha retrospectiva no Reina Sofía.
-Tamén foi un gran fabulador.
-Era formidable. Nos días grandes, á altura da súa pintura.
-No 2022 o Día das Artes Galegas estará dedicado a Laxeiro.
Homenaxear os nosos mestres é un deber. Viva Laxeiro Viva!/ Unicornio mañoso/ Amador da xuventú/ e da amistá/. Viva Laxeiro Vivo!/ Unicornio mañoso/ Amador do amor/ e da vida.
-Que obra súa lle vén á mente?
-As primeiras veces que estiven no taller en Vigo, andaba a traballar no Naranxo e nunhas variacións da Venus do Espello de Velázquez. Eu líalle a Fiodor Dostoievski nos Hermanos Karamazov que tanto lle gustaban...!