Na lembranza dun pintor universal

CULTURA

M. Moralejo

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pomba de Manolo Paz regresa hoxe máis bulideira que nunca. Parece percibir que estamos nun 21 de xullo moi especial, onde o son da gaita chegará amplificado doutras formas diferentes. O seu espírito transmútase de novo en pedra despois de escapar todo o ano para vixiar o Marquesado da Romea por expreso desexo de Laxeiro. Escoita as súas xentes e despois lle conta ao pintor o que acontece nese espazo do seu Lalín natal, imaxinado e real a partes iguais.

Hoxe fanse 25 anos de que Laxeiro repousa nun panteón do cemiterio da Romea. Hoxe hai 25 anos da morte dun fabulador xenial, un dandi con bigote de sorriso burlón e sombreiro, dun xenio universal dos pinceis sempre disposto a aprender, guía para moitos artistas das seguintes xeracións. Un coloso, o noso Picasso, a quen hoxe lle rende tributo Lalín da man do Concello.

O museo Ramón María Aller abre ao mediodía as súas portas, onde podemos admirar nestes días unha antolóxica doutro grande da pintura galega, Alfonso Sucasas, para exhibir unha escolma de obras que Laxeiro doou ao patrimonio municipal. Tamén poderán verse os Cabezudos de Laxeiro, pezas feitas polo artista lalinense Luchi Iglesias, inspiradas nun dos seus cadros. Non faltará a música da gaita, con Plácido Rozas e a intervención de Luchi Iglesias, o historiador e crítico de arte Antón Castro e o pintor lalinense Antón Lamazares.

A homenaxe a Laxeiro continuará despois no cemiterio cunha ofrenda floral no panteón familiar, para interpretarse despois a muiñeira que compuxo Rozas na súa honra. O escritor Luís González Tosar recitará un poema e despois dos discursos haberá concerto da Banda de Música de Lalín.

Mentres, na Fundación Laxeiro en Vigo poderá verse a instalación sonora do colectivo NEG, baseada nun texto do pintor de 1978, que reivindica a súa faceta irreverente e provocadora, actitude que define a súa relación co sistema da arte.