A Fundación Laxeiro, o faro da súa figura

JAVIER PÉREZ BUJÁN

CULTURA

CEDIDA.CEDIDA
CEDIDA

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Laxeiro constituíuse o 23 de febreiro de 1999, a partir dun acordo entre a familia do artista e o Concello de Vigo que pasaron a ser membros maioritarios do Padroado, no que tamén se incluíu representación da Xunta, da Deputación de Pontevedra, do Concello de Lalín e doutras entidades e persoas vencelladas á figura de Laxeiro e a cultura en Galicia. Nacía para investigar, potenciar e difundir a obra e a figura do pintor e tamén para apoiar a arte das novas xeracións, materializando así o desexo expresado por Laxeiro.

En 2000 inicio a miña andaina na fundación como director artístico e comezamos a deseñar as principais liñas de traballo, articuladas a partir de tres eixos: a investigación, a programación e a difusión. Impuxémonos tamén un traballo de procura de financiamento no que fomos pioneiros, poñendo en práctica un diálogo entre o público e o privado que tivo non poucas críticas e que hoxe é fórmula normalizada no sector cultural. Así fomos realizando unha chea de actividades que consolidaron á Fundación Laxeiro no mapa cultural galego.

A investigación arrancou no 2000 coa celebración das primeiras reunións de expertización e catalogación de obra, un servizo que deu como resultado a realización do Catálogo Universal, publicado por Nova Galicia Edicións en 2009. Recompilamos tamén o legado literario do artista, publicado en 2011, baixo o título Laxeiro. Os escritos de Donramiro. Tamén recompilamos as súas colaboracións gráficas na prensa galega, publicadas por Laiovento en 2018, e actualmente estamos traballando no arquivo persoal do artista, doado pola familia, e na catalogación da súa obra gráfica. A investigación posibilitounos asumir numerosos proxectos expositivos en torno á obra de Laxeiro, ademais de ciclos de conferencias.

Organizamos exposicións de compañeiros de xeración como Colmeiro, Seoane, Souto, Maside e Faílde e de artistas con claras coincidencias nas súas estéticas como A. R. Penck, evidenciando neste caso unha clara sintonía do Laxeiro de última época cos Novos Salvaxes alemáns.

O apoio a artistas emerxentes estivo presente dende o principio, coa programación de numerosas exposicións, ademais da convocatoria das Bolsas Fundación Laxeiro á Creación Artística e a programación do Festival Internacional de Música Contemporánea, conectando así co labor de difusión da arte que nos levou a asinar proxectos de intercambio, ademais de realizar exposicións de Laxeiro por máis de 25 concellos de Galicia e as grandes mostras en La Habana (2001), Lisboa (2003), Las Palmas de Gran Canaria (2003) e Buenos Aires (2006).

Nestes máis de 20 anos, realizamos un total de 47 exposicións sobre Laxeiro e 50 exposicións de outros artistas, 45 publicacións, ademais de ciclos de conferencias, presentacións de libros, festivais de música e cinema e a catalogación de preto de 4.000 obras do pintor, difundindo o seu legado entre o público máis novo, e mantendo viva a figura do noso artista con iniciativas como o Premio Laxeiro que, de forma anual, o Padroado concede a persoa ou institución relevante da nosa cultura.

Cun dos orzamentos máis baixos do panorama fundacional cultural galego, vimos prestando un servizo de calidade, heteroxéneo e continuado que demanda maior apoio económico para acometer proxectos á altura do artista que nos dá nome e poder, dunha vez, exportar o seu legado máis alá da nosa comunidade. O préstamo de Trasmundo, unha das obras capitais de Laxeiro, ao Museo Reina Sofía, o XXV aniversario do seu pasamento e a homenaxe en 2022 á súa figura, co Día das Artes Galegas, indica que agora é momento de apostar por un dos nomes fundamentais da arte galega.