Laxeiro, un fabulador de historias

Mercedes Rozas

CULTURA

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Laxeiro, do que se cumpren agora 25 anos da súa morte, destacou sempre por ser un gran fabulador, un home que amenizaba calquera faladoiro en torno a unha mesa con relatos sempre collidos polo fío da imaxinación. Como artista tiña ademais unha personalidade poliédrica, o que permite facer fronte á súa obra desde distintas ópticas, tan diferentes que mesmo se podería pensar que se trata, non dun, senón de varios autores. Ao longo da súa traxectoria cambiou en numerosas ocasións de rexistro, variando o procedemento e tomando camiños aparentemente separados como o da figuración e a abstracción. Non é algo desacostumado, en xeral os artistas evolucionan e modifican a súa dirección ou, como é o caso, manexan á vez e ao seu antollo diferentes estilos. Non hai máis que remitirse ás coñecidas e distintas etapas de Picasso para ver exemplos desas deliberadas metamorfoses ou revisar os problemas de autenticación cos que no seu día se atoparon autorizados especialistas ante cadros, con atípicas pinceladas, de Rembrandt.

O pintor irá mudando de estilo desde un academicismo contido e rigoroso deica distorsionar, aos poucos, as formas nunha hipérbole expresionista, espallando as manchas e facendo máis grosas as liñas. A vehemencia cébase de maneira especial coas súas figuras, de ollos expresivos e mans grandes, que logran facerse con toda a superficie do cadro, canto máis se se trata de escenificacións colectivas onde a irrupción chega ao triunfo do horror vacui. Así, nun adagio pictórico, lento pero certeiro, renovarase a súa pintura: simplificando a representación coa potencia da cor e o ímpeto das pinceladas densas, case táctiles, proxectadas co pincel e ata coa espátula. A xestualidade da abstracción vai manter, fundamentalmente desde os anos sesenta, un diálogo coa praxe figurativa; ambas fórmulas estéticas aparecerán e desaparecerán, ilustrando unha simbiose ampla no tempo e na disparidade. Admirador da arte de Tiziano, Rembrandt, Goya e Picasso, Laxeiro non desdeña ningunha das vías, ben ao contrario ás veces semella que tenta dar eminencia á narración figurativa desde a linguaxe abstracta máis informalista, seguindo aquela máxima de Octavio Paz cando dicía que non lle preocupaba a rebelión contra a tradición, o que si lle inquietaba era a ausencia desa tradición. Nunca deixará as composicións máis académicas; nos anos oitenta, cando a vellez requírelle obra menos complexa e son os cadros abstractos os que se impoñen, aínda Laxeiro satisfacía encargos de retratos, realizados cun verismo preciso e abondo tradicionais.

En calquera caso, en todas e cada unha das etapas, nesa liña intermitente da súa pintura, sempre vai persistir a compracencia polo debuxo e a memoria afectiva que o une á súa terra, a aldea que o viu nacer, Donramiro, e onde se criou, Botos, ámbalas dúas na comarca do Deza. Tanto a técnica como a temática máis próxima serán distintivos afianzados no seu traballo. Na práctica do debuxo, para a que tiña calidades desde pequeno, iníciase na Habana, cidade á que emigra a familia nos primeiros anos do século XX. De regreso, xa na década dos vinte, continuará cos estudos na Academia San Fernando de Madrid. Aquela aprendizaxe debeu de axudarlle a coller soltura, a priorizar na orde xerárquica dos distintos elementos compositivos, tamén a distinguir o xesto das crianzas ou a matizar cun sombreado os últimos trazos dunha faciana. Esta ferramenta serviulle, ademais, para poder bosquexar sobre calquera papel a man o azar do oportuno momento, algo que facía con moita frecuencia, mesmo sobre un pano de mesa de papel. Como estudos preliminares aos lenzos ou como obra acabada, os debuxos son un valor en si mesmo; cun lapis ou un carbón, con sanguina ou tinta, o pintor non deixará nunca de debuxar. Seguramente, estimaba, como Ingres, que necesariamente o debuxo debía de ser sempre «as tres cuartas partes da pintura».

O outro empeño de Laxeiro é o retorno da memoria, a evocación do mundo da súa nenez: o dos labregos arando a terra, os devotos en procesión, os cabaliños de cartón da súa infancia, as comparsas das festas ou as máscaras do entroido na contorna de Lalín. Ao mesmo tempo, ten asuntos recorrentes que varían formalmente ao longo do tempo: As maternidades e a representación das crucifixións serán dos máis relevantes. Rafael Dieste, nunha carta ao seu irmán Enrique, resumiu a orixe destas obsesións temáticas: «O debuxo de Laxeiro procede da infancia campesiña e do reverente saber dos seus avós».

A trama dos seus cadros, pois, son pura lembranza, que fai regurxitar sobre a tea o que mamou de neno, as historias, fábulas e lendas que lle contaban na casa, así como a imaxinería que contempla en tímpanos e retablos, e que acabará amplificando sobre o lenzo coa mirada de artista. De feito, ás veces, o contido desa crónica cotiá adquire nos seus cadros unha nova dimensión, provocada por unha imaxinación formidable e unha importante bagaxe literaria e artística. O pintor pon en escena a realidade coma se dunha peza teatral se tratase, con modelos amables á beira doutros grotescos, xigantes que abrazan a ananos, druídas e bonecos, distinguidos membros da rechamante familia do Marquesado da Romea... un universo, o laxeiriano, no que é posible atopar a faunos e sátiros compartindo espazo co común dos mortais. Ata o rei Breogán, subido a un carro de bois transita por ese locus mitolóxico creado polo autor. Esta facilidade de levantar territorios fantásticos con seres alterados nas súas dimensións, imaxinados con disfraces e caretas ou emprazados en situacións inverosímiles achégao tanto ao xénero literario do esperpento de Valle-Inclán como ao realismo máxico do Merlín de Cunqueiro ou a narración traxicómica de A Esmorga. Laxeiro chegou a ilustrar nos sesenta unha das edicións da novela de Blanco Amor.

As quimeras do pintor forman parte dunha inquietude cultivada nun contexto de preguerra, entre publicacións vangardistas, unha valiosa correspondencia, intercambio de ideas, viaxes… un cúmulo de experiencias que aproveitou para desenvolver a súa propia utopía artística. Asiduo aos faladoiros de intelectuais da época e xa, posteriormente, en Arxentina (país ao que se traslada en 1951) ligado nun forte vínculo aos exiliados galegos, Laxeiro vai forxando a súa carreira, integrada dentro do que se denominou o grupo de Os Novos, ao que tamén pertencen Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro e Luís Seoane, artistas contemporáneos da Xeración Nós, aínda que, ao mesmo tempo, equidistantes con ela na percepción que teñen da arte europea, máis ampla e renovadora no caso dos máis novos. Aí, nese corpus estilístico, atópase a creación de Laxeiro, o fabulador de historias, que no ano 2022 será homenaxeado pola Real Academia Galega de Belas Artes.