Laxeiro, o embaixador das terras lalinenses

MANUEL VILARIÑO

CULTURA

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nomes de Lalín e de Laxeiro conforman un binomio indeleble que para o gran público naceu no 1935, ano das primeiras reseñas en prensa nas que xa se refiren a José Otero Abeledo como «Laxeiro, o pintor de Lalín». Ata hoxe, case 90 anos despois, Laxeiro foi converténdose nun dos mellores embaixadores de Lalín e da terra que o veu nacer con máis de 26.000 crónicas sobre a súa persoa e a súa obra na que na maioría saía aparellado ao nome dun pobo que foi medrando en sona e prestancia á par que medraba a figura dun dos seus máis coñecidos fillos ilustres.

Otero Abeledo dicíalle en novembro de 1977 a Orestes Vara, xornalista de La Voz de Galicia, que Laxeiro nacera en Lalín, cando tiña 11 anos: «Laxeiro es una especie de diablillo que se metió aquí, en José Otero, cuando tenía 11 años, allá en Lalín. Entonces, un tolo me llevó al río, y allí a su manera me bautizó dándome un latazo, quiero decir con una lata en la cabeza y diciéndole: Desde ahora eres Laxeiro y así te llamarás». Explicando a orixe do seu alcume e vencellándoo á parroquia lalinense de Bendoiro ao matizar que «y es que mi bisabuela era de A Laxe y ahora tengo que aguantar toda la vida a Laxeiro».

Bos Aires, Madrid e Vigo foron as cidades onde fixo medrar a súa xenialidade como pintor e como artista, pero sobre todo Lalín. Lalín foi o nexo de unión que mantivo unidos a José Otero Abeledo e ao «diablillo» Laxeiro que cada vez que podían se achegaban a estas terras para renovar e fortalecer o seu vínculo. A pegada de Lalín en José Otero e en Laxeiro foi enorme como demostra ao longo da súa obra. Lalín e os lalinenses tiveron a xenerosidade e o agarimo cara a un dos seus máis ilustres veciños de recoñecerlle en vida tanto a súa calidade artística e a súa xenialidade como a aportación que lle fixo a un Concello que foi medrando pouco a pouco con el. Lalín deulle o acubillo emocional que precisaba e que sempre agradeceu e este mantivo durante toda a súa vida a Lalín como o seu referente público pese a que a súa itinerante vida o levou por grandes cidades que non foron quen de cegarlle a luz que lle emitía o seu pobo.

O nome de Laxeiro segue tan vivo nos lalinenses como naquel xa lonxano 21 de xullo de 1996 en que José Otero volvía definitivamente para descansar no cemiterio de A Romea, paraxe que daba nome ao seu simulado «marquesado». O pobo de Lalín empezou xa en 1976, sendo xa un artista de dimensión e recoñecemento nacional, a enxalzar a figura de Laxeiro e perpetuar a súa memoria. A corporación municipal acordou nomear a José Otero Abeledo como Fillo Predilecto de Lalín. Concretouse nun acto en febreiro de 1977 onde se entregou a distinción ao artista coincidindo co día grande da Feira do Cocido na súa novena edición, da que ademais foi destacado pregoeiro. A presenza de Laxeiro na Feira do Cocido foi continua e constante; ademais de pregoeiro en 1976, foi cartelista no 1975, 1993 e en 2018 coincidindo co 50 aniversario deste evento.

Persoeiro destacado en Galicia, Laxeiro tivo sempre proximidade cos seus veciños e en 1984 non dubidou en ser o pregoeiro das festas do Montserrat na súa parroquia natal de Donramiro.

En 1987, cando tiña 79 anos, a corporación municipal decide cambiarlle o nome á rúa H para darlle o nome de «Pintor Laxeiro» á que é hoxe unha das rúas céntricas da vila. Aparellado a este recoñecemento, tamén deciden que Laxeiro é acredor de ser distinguido coa Folla de Carballo na categoría de Ouro pola súa contribución á cultura e á difusión do nome de Lalín fóra de Galicia. Só dous anos despois, en maio de 1989, o instituto de FP de Lalín pasa a chamarse Laxeiro, nun acto no que o artista mantivo unha moi distendida xornada coa comunidade académica e da que queda a súa pegada cun mural no centro.

En 1993, o Concello de Lalín pon en marcha a Bienal Laxeiro que hoxe en día é un dos certames de máis prestixio a nivel galego. Ao longo dos últimos 25 anos dende a súa morte, foron varios as homenaxes e lembranzas en torno á súa figura en Lalín, aínda que o mellor de todos eles segue sendo a dos veciños do seu pobo e das súas aldeas, Donramiro e Botos, que o teñen como algo seu, como algo propio.

Da súa orixe humilde falaban tamén os xornais un 23 de febreiro de 1935 que, glosando á figura do finado escultor Eiroa, referíanse a José Otero dicindo «aquí donde el joven dibujante Laxeiro tiene que dejar el manejo del lápiz para ganarse el pan ejerciendo la ruda labor de peonaje en la construción de una carretera, la vida del artista se asemeja mucho a la del mártir».