Unha exposición en Vigo celebra o currículo imaxinario de Laxeiro

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Laxeiro, traballando no seu estudio nunha imaxe dos anos trinta do século pasado.
Laxeiro, traballando no seu estudio nunha imaxe dos anos trinta do século pasado. Fundación laxeiro

A mostra súmase ás conmemoracións dos 25 anos do pasamento do pintor. La Voz publica un especial sobre o gran artista

20 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cadro de Laxeiro foi o culpable dun divorcio. O pintor explicouno así en 1978: «O retrato que lle fixen á señora Marguerichirritel, dona do adiñeirado don Proferimol, foi o causante da separación deste enlace de bendición. Don Proferimol namorouse do retrato e non admitiu máis na casa á súa señora...». Ese retrato e o divorcio forman parte dun currículo imaxinario do artista, que ideou en 1978 para unha exposición na galería Torques de Santiago.

Os nomes dos protagonistas xa apuntaban a ese carácter de invención que presidía o reconto da súa traxectoria e que complementaban mencións como os lugares que acolleran a obra de Laxeiro: «Museo Trequilitonderitichl, na República de Afridondeskiril. Academia de Predortolfrich, no lago de Aguarreldof. Museo do Reino de Casteñeral...» e así ata unha ducia de referencias coas que Laxeiro, máis alá da brincadeira, deixaba clara a súa posición: unha crítica sarcástica ao sistema que rodea á arte e, por veces, representa o contrario ao é a súa esencia.

Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996) non tivo reparos en parodiar os seus méritos, nun reconto absurdo dun currículo que simbolizaba ese aspecto administrativo que acompaña o traballo dos artistas e que pode rematar por ter máis valor, a ollos das institucións e círculos críticos, que a propia creación. Ao opoñerse a esa visión, o pintor reivindicaba a súa absoluta independencia, e volvía a colocar a obra na cerna do feito artístico, dende o seu inconformismo e espírito crítico.

Peza sonora

Esta intervención de Laxeiro é revisitada agora polo Colectivo NEG (Nova Escultura Galega), que propoñen a mostra Recordoleterlorintorel, que se abre este venres día 23 na sede en Vigo da fundación do pintor e que se podería visitar ata o 19 de setembro. O colectivo formado por Misha Bies Golas (Lalín 1977), Alejandra Pombo Su (Santiago, 1979), Jorge Varela (Allariz, 1971) e Diego Vites (O Grove, 1986) presentan unha instalación sonora na que as palabras de Laxeiro se van superpoñendo ata formar unha peza indescifrable, xogando coas palabras orixinais que o artista foi enumerando na súa intervención. A peza está en consonancia tamén co traballo común de NEG, que buscan ferramentas non vinculadas á tradición escultórica, como pode ser aquí o son. A idea última é reivindicar outras formas de intervir o espazo que vaian máis alá da concepción volumétrica da escultura, a través do auditivo, neste caso. A mostra serve tamén para conmemorar os 25 anos transcorridos dende o pasamento de Laxeiro.

La Voz publica un especial sobre o gran artista

Este mércores, cando se cumpren exactamente os 25 anos do falecemento de Laxeiro, La Voz de Galicia publica un especial sobre a súa vida e obra, que tamén aborda a súa transcendencia na historia da arte, a galega e a universal.

A publicación, que se entrega gratuitamente co xornal, ábrese cunha obra de homenaxe a Laxeiro a cargo de Antón Lamazares, quen nunha ampla entrevista tamén recoñece a influencia decisiva do pintor: «Para min, Laxeiro foi a revelación da pintura no seu taller de Vigo e de Madrid», describe Lamazares, quen tamén tivo o privilexio de acompañar ao artista de Lalín en visitas ao Museo do Prado.

Ao longo das páxinas do especial, Javier Benito e Manuel Vilariño van percorrendo os chanzos máis sobranceiros da traxectoria de Laxeiro e a súa condición de clásico. Dous especialistas na historia da arte, como son Mercedes Rozas e X. Antón Castro, analizan polo miúdo a súa produción artística. Rozas cartografía como Laxeiro pasou dun academicismo contido e rigoroso a unha hipérbole expresionista, mentres que Castro enumera as achegas do artista que o converteron nun innovador, dende a renovación da estética do granito, o expresionismo ou o que chama «neohumanismo».

Tamén escriben Carlos G. Reigosa, autor do libro Laxeiro por si mesmo, e o artista Antón Patiño, quen se detén na relación do pintor co Grupo Atlántica. Outras colaboración son as de Carlos García Suárez, neto de Laxeiro e director xeral da súa fundación, e a do seu director artístico, Javier Pérez Buján. Complétase con artigos do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Lalín, José Crespo.