Unha visión arredor de Laxeiro

Carlos G. Reigosa ESCRITOR E AUTOR DO LIBRO SOBRE O PINTOR, TITULADO LAXEIRO POR SI MESMO (XERAIS, 2008).

CULTURA

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o pintor Laxeiro aínda era moi novo viu por primeira vez o Pórtico da Gloria en Compostela e sentiu que a súa alma e a do Mestre Mateo se atopaban nalgún lugar fóra do tempo, aló no Trasmundo. Así mo contou el mesmo en agosto de 1983 na súa casa de Botos (Lalín) cando o entrevistei para escribir o libro titulado Laxeiro por si mesmo (Xerais, 2008) e así o acreditan moitas das súas obras, que o converteron no «renovador da plástica galega do século XX» e «no máis universal dos pintores galegos», como ben sentenciou en 2008 o tamén pintor e escultor Luis Caruncho, sempre fascinado pola obra creadora do de Lalín.

De certo, a obra de Laxeiro tivo sempre moitos e moi firmes valedores. O pintor Rafael Canogar, do célebre grupo El Paso, non quedou atrás cando subliñou que «contribuíu a un cambio no panorama artístico galego» e significou «a saída do decadente rexionalismo plástico imperante, abrindo as portas ás novas correntes estéticas do seu tempo. E soubo facelo sen perder a súa identidade». Tamén o gran escritor Manuel Vicent, compañeiro de moitas horas no Café Gijón de Madrid —cando Laxeiro vivía xusto enriba, no segundo piso—, describiuno con gran acerto literario ó afirmar: «O pintor Laxeiro ten unhas mans cadradas de canteiro, de onde saen criaturas douradas coma pans de tafona, dunha cor románica, bonecos vesgos, ananos subidos ó Pórtico da Gloria, parvos do pobo, carpideiras e endemoñados. Laxeiro leva un enterro da sardiña na cabeza e el mesmo é coma un lanceiro de carnaval. E gustaríalle izar un gato morto na punta dunha cana e predicar as postrimerías nos arredores do Café Gijón».

Sirvan estas citas para sentar as bases dalgunhas afirmacións consolidadas sobre este xenio singular que se estivo a facer e refacer toda a vida coma o gran creador que agora recoñecemos. Mais, aínda así, non quero deixar fóra unha afirmación de José Ruibal no seu libro auroral sobre o ilustre lalinense, do 1951: «Hai que supoñer que, se Laxeiro nacese nos tempos do Mestre Mateo, sería o seu máis directo discípulo e o seu gran continuador». Unha intuición xenial que eu teño por segura, porque non vexo outra maneira de explicar a vida e a obra deste pintor inquedo e rebuldeiro, sempre renovador de si mesmo e da pintura en xeral, unha especie de meigo luminoso cheo de saberes, ousadías e anceios de anovar o xa anovado.

O seu nome era Xosé Otero Abeledo, pero foi a firma Laxeiro a que se impuxo. O mozo, que fora emigrante en Cuba, onde aprendera a boxear co que logo sería campión do mundo baixo o nome de Kid Chocolate, regresou a Galicia en 1925, moi enfermo. Máis non tardou en recuperarse, mentres gañaba algúns cartos como barbeiro sen crédito. Foi daquela cando comezou a pintar, para xa non parar ata a súa morte. En 1932 déranlle unha beca da Deputación que lle permitiu asentar a súa aprendizaxe. Foise para Madrid en 1931, asistía ás clases e ós faladoiros e debates na Granja El Henar, onde brillaba Valle-Inclán, e noutros sitios nos que participaban Castelao, Suárez Picallo, Vicente Risco, os irmáns Dieste e un Lugrís que ás veces chegaba acompañado por García Lorca. E logo estaban os museos. Laxeiro sentía que non paraba de aprender e que cada vez tiña que aprender aínda máis. Impresionouno Goya (sobre todo o cadro El coloso o el pánico), e tamén Tiziano e O Greco. Pero o seu maxín xa buscaba un carreiro propio. Así principiou a asomar o seu xenio. Aquí e na longa etapa arxentina (1951-1970), e logo, xa de volta en Vigo e Madrid, con regreso definitivo a Lalín, para non deixar de ser xa nunca o noso gran Laxeiro, multíplice e verdadeiro.