Laxeiro e «Atlántica»

Antón Patiño ARITSTA E ESCRITOR QUE TIVO RELACIÓN CON LAXEIRO

CULTURA

fundación laxeiro

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación de Laxeiro con «Atlántica» foi intensa e fluída. Houbo unha grande reciprocidade. Dende «Atlántica» organizamos unha antolóxica que se celebrou no vello Concello de Vigo contra 1981 e propiciou a doazón que fai á cidade e deu pé a creación da Fundación Laxeiro. Sen aquela reivindicación da súa figura polos artistas novos todo isto non existiría. Recordo que a inauguración foi coincidir coa presentación da exposición de «Atlántica» en Madrid polo que non puidemos estar presentes. Enviámoslle un divertido telegrama: «Mestre, non podemos estar aí porque temos que estar eiquí!». Este foi o breve texto da mensaxe (se non lembro mal) asinado por varios dos artistas de «Atlántica». En paralelo á mostra houbo conferencias, actividades musicais con Enrique X. Macías e poéticas, con recitais de Carlos Oroza e do grupo «Rompente». Un papel decisivo en todo aquilo correspondeulle a Román Pereiro e Malena Lepina (os entusiastas amigos coleccionistas) que foron compañeiros de viaxe naquela aventura, comezada polos pintores Ánxel Huete, Menchu Lamas, Guillermo Monroy e quen asina estas liñas.

Ademais dun pequeno folleto coa catalogación das obras editouse un libro: «Érase unha vez Laxeiro...» con poemas de homenaxe e debuxos de varios artistas de «Atlántica». Xorden mesmo despois unhas becas financiadas por Lala (Eulalia de Prada), a compañeira de Laxeiro, dedicadas ao apoio de artistas novos. O imaxinativo Laxeiro das conversas, creativo e ateigado dunha chea de recursos expresivos, establecía cos artistas novos unha conexión moi entrañábel onde se mesturaban lembranzas humorísticas, ensoñamentos e fabulacións diversas nunha conversa sempre inzada de alusións eróticas e irónicas chiscadelas.

Pódese considerar ao tempo en términos artísticos que existiu unha nidia interacción, do mesmo xeito que a pegada laxeirá está presente en moitos dos novos pintores, existiu asemade un influxo deles na gama cromática do artista que acadou daquela unha intensidade inédita, onde aboian as cores puras. Fenómeno semellante ao que acontece nesa época na pintura de Antonio Saura que se deixou «contaminar» pola efervescencia polícroma da década dos 80.

Laxeiro seguindo a pegada de Picasso vai evolucionar dende unha dimensión háptica do feito pictórico a unha hexemonía visual. Onde o ritmo do grafismo no espazo desenvolve a xeito de vidreira a composición. Todo o tenebrismo vinculado á terra, as resonancias telúricas, van paseniñamente establecendo un crebacabezas visual. Planitude na superficie, esquematismo da liña, o debuxo acada protagonismo. Un enguedellado rebumbio coral de formas que expresan o paradigma do carnaval, da festa, das romarías como iconografía que fala dun mundo colectivo na insurxencia das formas. O que fai Laxeiro é unha escrita, unha grafoloxía á procura dos vectores dinámicos das emocións corporais.

Hai en Laxeiro presenza do drama e do entroido. Unha multitude expresionista vai ser a protagonista da súa pintura. A experiencia colectiva da vida nunha dimensión popular. Un retablo máxico onde os medos toman corpo e tamén a vitalidade rebuldeira acada unha expresión propia. Dialéctica complementaria de felicidade e desacougo. O cronotopo colectivo da cultura popular co riso como ferramenta de emancipación. É un pintor autodidacta formado nos faladoiros dos seus tempos mozos, nos intensos debates dos anos 30. Vai pasar do popularismo e realismo máxico a unha proposta onde o ritmo da liña e mais as reviravoltas do debuxo reflicten unha vertixe visual. O ritmo enguedellado da liña sen fin nun hipnótico percorrido creador. Foi o gran Rafael Dieste quen lles fala da necesidade de «pintar a pedra». A estética do granito define unha senlleira rotundidade volumétrica. O claroscuro esculpe unha realidade mítica, dacabalo do soño e do fascinio polo románico popular.