A casa-museo de Rosalía cumpre 50 anos como lar para toda Galicia

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle dos actos celebrados este xoves na casa-museo para celebrar os 50 anos da institución.
Detalle dos actos celebrados este xoves na casa-museo para celebrar os 50 anos da institución. Merce Ares

A vivenda foi adquirida a comezos dos setenta cunha colecta popular multitudinaria que recolleu un importe total de 994.043 pesetas

17 jul 2021 . Actualizado a las 01:52 h.

O 15 de xullo de 1971 abría as súas portas e fiestras a casa-museo de Rosalía de Padrón, na que a escritora viviu os derradeiros anos da súa vida. Naquel día, como moi ben lembran as imaxes tomadas por Xosé Castro e Ánxel Blanco, o espazo quedou pequeniño ante a morea de persoas, públicas e anónimas, que se achegaron ata unha vivenda e un xardín que este xoves estivo moito máis baleiro, pero só fisicamente, debido ás restricións do covid e pola natureza do acto institucional.

Ao acto inaugural de 1971 acudiron centos de persoas que encheron a horta da casa-museo de Rosalía.
Ao acto inaugural de 1971 acudiron centos de persoas que encheron a horta da casa-museo de Rosalía. Xosé Castro

Daquela, a casa puido abrir grazas ás achegas de centos de persoas, concellos e entidades de toda Galicia e da emigración. Foron 994.043 pesetas (case seis mil euros), sumados aos cartos e xestións de anos previos de galeguistas de todos os perfís ideolóxicos. Este xeito de entender o fogar de Rosalía como lar no que toda Galicia está e se sente representada non mudou porque a última morada da escritora segue grazas a unha fundación igual de aberta.

Dado o simbolismo da data, que tamén é importante para a historia de Galicia porque cumpríronse 136 anos da morte da escritora, a Fundación Rosalía de Castro reforzará a súa programación cultural ata xullo do 2022. Este mesmo xoves cumpriuse coa recente tradición da entrega da Rosa de Galicia, a insignia que recoñece a defensa da figura da escritora ou do seu legado, que este ano recibiu a título póstumo Xosé Ramón Barreiro, historiador, expresidente da RAG e patrón da fundación, cunha laudatio de Méndez Ferrín, que destacou a capacidade do homenaxeado para «explicarnos a nosa realidade contemporánea».

Nas horas previas, a poesía volveu a Padrón co recital Rosalía en Camiño. E tamén unha boa nova para a fundación, xa que o seu presidente, Anxo Angueira, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinaron o convenio de colaboración que permitirá financiar as melloras no auditorio da casa-museo, que poderá así reforzar unha programación de actividades que a moi curto prazo, este mesmo domingo, terá continuidade coa convocatoria Abride a Fiestra, unha xornada de portas abertas ata completar aforo na que haberá unha feira de produtos rosalianos, música, relatorios, propostas para un público infantil, e a presentación de novos documentos da correspondencia de familia Murguía-Castro.

«Celebramos a estirpe insubornable desta casa»

Que Galicia teña unha casa-museo de Rosalía de Castro é un logro de todas aquelas persoas que participaron nunha colecta das de verdade para facer un peto que permitise mercar a Casa da Matanza, musealizala e abrila ao mundo. Nesta historia de colectividade tivo moito que ver Agustín Sixto Seco, quen o 15 de xullo de 1971 aproveitou o acto oficial para reclamar diante das autoridades do réxime franquista a presenza do galego nas escolas, unha petición que rematou en aplausos.

«Celebramos a estirpe insubornable desta casa», sinalaba este xoves Anxo Angueira, facendo súa esta frase para engadir que a casa-museo de Rosalía mantense «como unha casa comunal, resultado do esforzo histórico de moitos e moi diversos colectivos de persoas». No seu discurso agradeceu o apoio económico das institucións, sen esquecer, engadiu, «que na fundación, como dicía Sixto, nunca deixaremos de ser unha brigada de obreiros» que defenderá a continuidade do proxecto «para que esta casa siga sempre en pé, para que na súa lareira haxa un lumiño permanente ao que abeirarse e para que o seu forno se coza o pan da resistencia, da esperanza e da alegría».

Os cartos aos que se referiu Angueira no seu discurso corresponden aos cen mil euros anunciados por Román Rodríguez ao abeiro do convenio coa fundación, entidade que, sumada esta subvención, terá recibido uns 300.000 euros para o acondicionamento do inmoble, un lugar que o conselleiro definiu como «imprescindible para levantar gran parte da andamiaxe cultural galega». A inversión total no proxecto do auditorio para este ano ascende a 170.000 euros.