Fútbol

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Andy Rain | Efe

13 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado martes, vin o partido España-Italia da Eurocopa enteiriño, con prorroga e penaltis incluídos. Había tempo que non o facía, o fútbol normalmente acaba por me aburrir e acostumo dedicar ese tempo a outras cousas, mais sen ser moi afeccionado recoñezo que me gustou. Recordei a primeira vez que vin un partido de fútbol ao vivo nun gran recinto, foi a mediados dos anos 70 no estadio de Riazor. Levárame un familiar que era socio; xogaba o Dépor contra o Granada e remataran empatando sen goles. Lembro o impacto que me causara ver un estadio por primeira vez, o verde do campo, o contraste das cores das vestimentas dos equipos e como berraba a xente cousas que nos ouvidos dun neno resoaban bastante fortes.

Naquela altura xa coleccionaba daquelas caixiñas de mistos onde viñan as imaxes dos xogadores que intercambiaba cos amigos, xa tíñamos un equipiño para xogar unha liga interbarrios e xa estudaba nos Franciscanos, onde tamén formaba parte do equipo de fútbol do colexio. O meu traxecto competitivo foi curto e realmente pouco frutífero e decidín dar remate a ese periplo futboleiro cando perdemos un partido contra o Fogar de Santa Margarida por 20 goles a 0 no campo do colexio Calvo Sotelo. É certo que nós eramos uns pipioliños fronte aquel equipo preparado e inzado de xogadores federados con perspectivas de ir cara a profesionalización. Para ser sincero, nunca fun gran seguidor deste deporte, aínda que sempre torcín polos equipos galegos e particularmente polo Dépor, que era o equipo da miña cidade e do que nunca entendín por que non apostou decididamente pola canteira propia como si o fixeron outros clubs profesionais do estado con moi bos resultados. Que nesta Eurocopa do 2021 haxa máis xogadores galegos ou de orixe galega na selección Suíza que na española, que non convocou ningún, tamén é significativo; pero tampouco hai moitos xogadores galegos no fútbol profesional galego e isto é correspondente, non?

A min de todos os xeitos, por dar unha opinión, creo que me gustaba máis o fútbol de antes, coido que era máis nobre e estaba menos dopado de cartos. Pero como di a canción, o espectáculo debe continuar, xa que ao fin e ao cabo é un bo negocio que xera moitísimos cartos, así que!