O Lorca máis galego resoou na Festa da Palabra carballiñesa

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE / LA VOZ

CULTURA

O poeta e dramaturgo andaluz foi protagonista na Ínsua dos Poetas

03 jul 2021 . Actualizado a las 20:39 h.

Era un dos candidatos ao Día das Letras 2022, pero a Real Academia Galega escolleu a Florencio Delgado Gurriarán. O poeta valdeorrés será pois o protagonista do vindeiro 17 de maio. Federico García Lorca foino hoxe xa, na Festa da Palabra organizada na Ínsua dos Poetas pola fundación do mesmo nome (en colaboración da Deputación de Ourense e co apoio da Xunta), «unha cita clave no calendario cultural galego que reivindica os fitos máis salientables da nosa literatura», segundo a describiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Co gallo do 85 aniversario do seu pasamento, a celebración literaria do Carballiño quixo recordar os seis poemas que o andaluz escribiu na nosa lingua.

Lorca é o autor literario. «Tivo, como asesor lingüístico («diccionario viviente»), a Ernesto Guerra da Cal en cinco das seis composicións (da primeira, Chove en Santiago, o colaborador lingüístico foi outro, quizais Serafín Ferro)», tal e como recordaba o académico Xesús Alonso Montero, que onte non puido estar, nas páxinas de La Voz o pasado venres.

«Este é un acto de agradecemento a Lorca polo seu amor e a súa entrega a Galicia e ás súas xentes, de dentro e fóra», dixo o presidente da Deputación, José Manuel Baltar. Román Rodríguez fixo un chamamento a fixarse no seu legado afondar na pegada universal da nosa lingua. «É unha icona atemporal do teatro, a poesía e incluso da música do noso país», dixo. Referiuse a el como un xenio que namorou de Galicia desde a súa primeira visita e quedou fascinado pola identidade, a cultura e a lingua. «Nel recóllese a importancia do noso rural, da Galicia máis profunda», destacou o conselleiro de Medio Rural, José González.