O Día das Letras homenaxeará en Delgado Gurriarán a súa poesía e o exilio mexicano

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor Florencio Delgado Gurriarán.
O escritor Florencio Delgado Gurriarán. RAG

A Academia Galega escolle ao escritor valdeorrés para a celebración do 17 de maio do 2022

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día das Letras Galegas do 2022 celebrará a poesía de Florencio Delgado Gurriarán, unha figura a través da cal a conmemoración do 17 de maio tamén homenaxeará o labor do exilio mexicano, do que o escritor valdeorrés foi un referente de galeguismo e activismo democrático. A súa candidatura -apoiada por Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez e Ramón Villares- recibiu catorce votos na sesión plenaria de onte da Real Academia Galega, fronte aos catro que sumaron, respectivamente, a de Fiz Vergara Vilariño e a conxunta de Federico García Lorca e Ánxel Casal; houbo, ademais, un voto en branco.

Deste xeito, o Día das Letras permitirá coñecer mellor unha poesía fondamente enraizada coa paisaxe xeográfica e cultural do Valdeorras natal de Delgado Gurriarán, «con ese enxebrismo léxico e lingüístico do galego oriental», en palabras do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. A celebración servirá tamén para divulgar o seu traballo poético e facetas que para moitos poden resultar sorprendentes, como a súa capacidade para a poesía satírica, como avanzou Xesús Alonso Montero.

Contribucións

A esa faceta máis literaria sumarase tamén a participación destacada de Delgado Gurriarán no exilio mexicano, no que o escritor participou a través de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México, as emisións radiofónicas Hora de Galicia e a revista Vieiros, que cofundou con Luís Soto e Carlos Velo. Esas contribucións, ademais das de persoeiros como o compositor e musicólogo Bal y Gay e o arquitecto Caridad Mateo, serán cumpridamente homenaxeadas, como xa o fora o papel dos exiliados arxentinos cando o 17 de maio honrou a Luís Seoane, Lorenzo Varela e Rafael Dieste.