Trece montaxes compiten como finalistas nos premios María Casares de teatro

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

«A lingua das bolboretas», de Sarabela.
«A lingua das bolboretas», de Sarabela. OVIDIO ALDEGUNDE

«A lingua das bolboretas», de Sarabela, encabeza as candidaturas con opcións en oito categorías

30 jun 2021 . Actualizado a las 22:00 h.

Os premios de teatro María Casares xa teñen finalistas. Trece espectáculos competirán na vixésimo quinta edición dos galardóns, que se entregarán nunha gala o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, é finalista en oito categorías, incluídas espectáculo, dirección, actor protagonista e secundario, adaptación-tradución, iluminación, escenografía e vestiario. Outras tres montaxes acadaron presenza en cinco apartados dos premios. Trátase de Dreaming Juliet, de Elefante Elegante; 32m2, de ButacaZero; e Bailar agora, de Marta Alonso de Tejada. Tamén son tres as montaxes que resultaron finalistas en catro categorías dos María Casares. Son Micropectivas dun marica millenial, de Incendiaria; Os nenos da varíola, de Pérez & Fernández; e O premio, de La Quintana Teatro. Pola súa banda, O mozo da última fila, de Redrum Teatro, acadou tres finalistas. Por último, cinco obras conseguiron unha candidatura: Poeta en Nova York, de Teatro Baixo da Area; A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico; O libro da selva, de Teatro Avento Producións; Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón; e Ris Ras, de Baobab.