Publican o facsímile da escolma feita por Cunqueiro das Cantigas de Santa María

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A publicación da edición facsimilar de «Cantigas de Santa María» foi presentada este mércores.
A publicación da edición facsimilar de «Cantigas de Santa María» foi presentada este mércores. Xoán crespo

Galaxia recupera polo 800 aniversario de Afonso X a edición de 1980

01 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro cunha escolma das Cantigas de Santa María feita no ano 1980 por Álvaro Cunqueiro volve a ver a luz nunha edición facsimilar. Se entón a editorial Galaxia publicou o traballo con motivo de que ese ano se lle dedicaba o Día das Letras Galegas a Afonso X, agora recupérase por mor do 800 aniversario do nacemento do Rei Sabio. Unha nova edición que trata de axustarse ao máximo á de hai 41 anos, buscando incluso un papel similar para as súas páxinas e mantendo a fe de erratas da que saíu do prelo o 16 de maio de 1980. «Quixemos que fose o máis fiel posible ao orixinal», destacou Francisco Castro, director xeral de Galaxia.

Cantigas de Santa María recompila 23 composicións afonsinas seleccionadas por Álvaro Cunqueiro tendo en conta «as cantigas que tiveran especial interés pra nós», recóllese no limiar e na solapa da publicación. «Fixéronse moitas edicións das cantigas de Afonso X, pero este libro ten singularidades», afirmou Castro, destacando que o limiar, a escolma e a versión moderna dos textos son obra de Álvaro Cunqueiro. Nese sentido, fixo especial fincapé nas explicacións do porqué da edición que escribiu o autor mindoniense. O traballo completábase coas ilustracións de Xoán Ledo, que tamén se encargou da cuberta.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidiu onte durante a presentación da edición facsimilar —que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade— que se trata «da visión que Cunqueiro tivo dun autor tan distinto a el como é Afonso X e a súa magna obra».