A compañía de Jan Lauwers estreará na MIT de Ribadavia unha montaxe sobre Shakespeare

La Voz OURENSE

CULTURA

Presentación da Mostra de Teatro de Ribadavia.
Presentación da Mostra de Teatro de Ribadavia. MIGUEL VILLAR

A cita teatral celebrarase este ano do 16 ao 25 de xullo

30 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia arriscou o pasado ano desafiando ao coronavirus e mantendo as datas na segunda quincena de xullo. E a MIT, que se celebrará do 16 ao 25 de xullo, volve a erguer a bandeira do risco para ofrecer un programa ateigado de estreas, coproducións e reivindicacións: dende a aposta por dar maior protagonismo á danza ás obras que se centran na terceira idade, no feminicidio ou a transexualidade. E, como un dos grandes eixos temáticos, as versións a partir da obra de Shakespeare. Nesa liña está a montaxe que estreará a prestixiosa compañía belga de Jan Lauwers, que amosará no castelo de Ribadavia a súa montaxe Billy's Violence (16 de xullo, ás 23.00 horas). Lauwers creou a súa poposta escénica a partir das dez traxedias de Shakespeare. 

Christos Papadopoulos

A MIT traerá por vez primeira a Galicia ao recoñecido coreógrafo Christos Papadopoulos. Na capital do Ribeiro presentará unha das pezas do seu repertorio: Elveldon, espectáculo inspirado na novela de Virginia Woolf As ondas. Poderase ver o día 23, ás 23.00 horas, no castelo ribadaviense. Pola MIT 2021 tamén pasará o Othello de Voadora, montaxe coproducida pola propia Mostra. Será o día 17 (mesma hora e escenario).

As pezas coproducidas polo Centro Dramático Nacional, a presenza de actores como Tomás Pozzi ou Malena Alterio ou o encontro de dramaturgos galegos e portugueses serán algúns dos sinais de identidade deste ano. Toda a programación, en www.mitribadavia.gal.