Os códices das Cantigas de Santa María que garda El Escorial xa son accesibles en liña

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A presidenta de Patrimonio Nacional, Llanos Castellanos, e o director da biblioteca do Escorial, José Luis del Valle, cun dos códices das Cantigas.
A presidenta de Patrimonio Nacional, Llanos Castellanos, e o director da biblioteca do Escorial, José Luis del Valle, cun dos códices das Cantigas. Mariscal | Efe

Patrimonio Nacional dixitaliza dous dos manuscritos do rei Afonso X, unha demanda formulada pola Real Academia Galega

30 jun 2021 . Actualizado a las 10:03 h.

Dende este martes xa se poden consultar en liña o Códice Rico e o Códice dos Músicos, dous dos catro manuscritos das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio e que custodia a biblioteca do mosteiro de San Lorenzo del Escorial. A Real Academia Galega dirixírase a Patrimonio Nacional coa petición de que ambos libros puidesen estar a disposición na Rede, tanto de estudosos como de público en xeral, como xa era o caso dos outros dos códices, conservados na Biblioteca Nacional de España e mais na de Florencia. Unha vez dixitalizados, xa é posible gozar destas alfaias da literatura galegoportuguesa e admirar tamén o seu fascinante repertorio iconográfico.

Ambos códices do Escorial dispoñen dunha web de seu onde se pode ver como son as encadernacións dos volumes e acceder ás súas páxinas. O Códice Rico recibe este nome pola súa magnífica execución artística. Calcúlase que a súa xestación arrancou no ano 1279 en Sevilla, grazas a algunhas referencias cronolóxicas contidas nos textos e por algúns trazos estilísticos. Cada composición conta cun folio iluminado, no que a través de seis viñetas se ilustra o contido do poema. Algúns mesmo duplican esta cantidade e son doce viñetas en dous folios as que relatan o milagre da virxe da cantiga. Tamén se achega información sobre as circunstancias polas que pasou o Códice na súa existencia: «Vinculado al patrimonio librario de la Corona desde la muerte de Alfonso X. Documentado en la relación de libros del alcázar de Segovia de 1503 realizado por Rodrigo de Tordesillas (item 113) y en el inventario de 1505. En 1545 se ordena su paso al Archivo General de Simancas. Entra en la biblioteca escurialense en 1576. Aunque se ha considerado que el manuscrito pudo pertenecer a la catedral de Sevilla, no hay evidencias documentales para afirmarlo», informa a documentación que complementa a publicación.

Pola súa banda, o Códice dos Músicos só conta con ilustracións no prólogo e nas cantigas decenais, precedidas por imaxes de músicos, de aí o nome co que se coñece. Laúdes, vihuelas, organistrum, frautas, cornos, gaitas e cítaras son algúns dos instrumentos que figuran nas miniaturas, unha valiosísima fonte para intérpretes especializados no repertorio da Idade Media, así como musicólogos e historiadores. Crese que tanto este manuscrito como o que se atopa en Florencia quedaron sen rematar por mor do pasamento de Afonso X en 1284. Tamén se pensa que pertenceu á catedral de Sevilla e algúns mesmo afirman que ademais a Isabel a Católica.

A Biblioteca Nacional celebrará o oitavo centenario do monarca cunha exposición sobre os seus libros

A Biblioteca Nacional de España súmase á celebración do oitavo centenario do aniversario do monarca cunha exposición que se poderá ver do 18 de novembro ao 13 de febreiro en Madrid, centrada nos libros de Afonso X. A mostra recolle os códices orixinais do seu scriptorium, así como outras manifestacións escriturais promovidas polo rei. Os seus propios intereses sirven para estruturar en catro apartados a exposición, dividida en áreas temáticas: dereito, historia, ciencia e relixión, esta última, protagonizada polas cantigas á virxe. 

Os cinco códices afonsinos presentes na exposición será o Libro complido de los judizios de las estrellas, o Libro de las cruzes, a primeira parte da Grande e general estoria e a primeira versión, de arredor de 1270, das Cantigas. Outras obras que se poderán ver son o tratado sobre as constelacións Libro de las figuras de las estrellas fixas, con decoración renacentista, e as Siete Partidas, que pertenceron aos Reis Católicos.

En total, serán unha vintena de obras da propia colección da Biblioteca Nacional e procedentes doutros arquivos e museos españois.