O baile do sol

CULTURA

29 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Madrugada de San Xoán, madrugada máis garrida, que baila o sol cando nace e ri cando morre o día». Non sei se a noite de San Xoán, coincidente co solsticio de verán, é a máis máxica do ano pero sen dúbida ten ingredientes abundantes como para selo. Non en toda Galicia ten a mesma popularidade, pero no caso da Coruña e contorna esta noite con toda a súa idiosincrasia e celebracións goza dun importante recoñecemento. Lembro dende ben cativo o que significaban eses momentos e de como en cada barrio coruñés había a súa ou as súas lumeiradas que eran case que como monumentos. Apañar a leña para facelas era todo un ritual que levaba o seu tempo e conseguir facer a máis grande ou a máis preparada e engalanada tiña o seu aquel. Noite de celebración do ancestral solsticio con lume e con ritos que se remontan a tempos ben antigos onde a gastronomía, sobre todo a mariñeira, tamén ten o seu protagonismo. «Polo San Xoán a sardiña pinga no pan», e se nesta noite non hai sardiñas como acompañamento gastronómico parece que a celebración non é completa. Pero un dos motivos principais desta noite é o lume purificador, e neste punto concreto é onde o idioma tamén amosa a súa riqueza en forma de denominacións dadas a eses lumes polas diferentes zonas do país: cachela, cacharela, fogueira, larada, lumazo ou lumeirada son algunhas delas.

O caso é que o carácter sacro da noite interprétana ben os grandes estudosos da nosa etnografía e antropoloxía, e grazas a eles aínda conservamos parte das esencias. Na cota vivencial que me toca, eu xa practicamente fixen e vin de todo; axudei a erguer lumeiradas e purifiquei co seu lume todo aquilo que había que renovar, saltei a fogueira para protexerme e que non me trabase nada do que se considera prexudicial, asei patacas e sardiñas e cominas con boroa e outras viandas, toquei a gaita fronte ao lume e fixen danzar e dancei ata o cansazo, bañeime nas ondas atlánticas esa noite e apañei as herbas sagradas coas que lavei a cara ao día seguinte. Con todo fáltame aínda algo que non fun quen a ver que é ver bailar o sol no amencer e iso é algo que teño que conseguir nos vindeiros anos.