O teatro galego entra con forza na programación do Centro Dramático Nacional

A. S. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«As que limpan», de A Panadaría, aborda as mulleres que traballan nos hoteis e o impacto do turismo.
«As que limpan», de A Panadaría, aborda as mulleres que traballan nos hoteis e o impacto do turismo. CDN

A temporada inclúe novas montaxes de Marta Pazos, Pablo Fidalgo e Ana Vallés, entre outras

24 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O teatro galego desenvolverá máis de media ducia de proxectos no marco da programación do Centro Dramático Nacional, que ten como fío condutor a reconstrución, tanto persoal como colectiva, e se marca o obxectivo de incrementar a asistencia do público máis novo. Autores e compañías galegas participan coas súas propostas na temporada, que se desenvolverá entre setembro deste ano e xuño do 2022. En total, son 27 espectáculos, dos cales quince son estreas absolutas, e que se complementan con máis de sesenta actividades transversais.

Entre esas producións propias figuran El libro de Sicilia, de Pablo Fidalgo (Vigo, 1984), no que se achega á vila de Nuova Gibellina, que acolleu aos habitantes de Gibellina, destruída por un terremoto en 1968 e sede dun importante festival de teatro. Pola súa banda, Marta Pazos (Pontevedra, 1976) aborda unha peza inacabada de Lorca en Comedia sin título. O escritor só puido dar forma ao primeiro acto antes de que fose asasinado no inicio da Guerra Civil. E neste apartado de producións propias inclúese tamén Supernormales, de Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979), definida como unha comedia ácida arredor dos prexuízos que deben combater as persoas con diversidade funcional.

Ana Vallés e Matarile levarán a escena «Inloca».
Ana Vallés e Matarile levarán a escena «Inloca». Alina Planait

Outras tres montaxes promovidas por autores galegos vanse desenvolver polo CDN no formato de coprodución. Neste apartado levarase a cabo a próxima obra de Chévere, titulada N.E.V.E.R.M.O.R.E., que se apoia no seu estilo de creación colectiva a partir de técnicas documentais, para abordar a actual pandemia do coronavirus coa memoria do desastre ecolóxicos e a mobilización social por mor do desastre do Prestige. Inloca é o título da nova proposta de Ana Vallés (Ferrol, 1959), fundadora da compañía Matarile. Cartarescu, Zizek, Deleuze e Tarkovski son nomes que aparecen como referentes para este espectáculo que xira arredor dos espazos e as dislocacións. Completa este apartado de coproduccións o traballo de A Panadaría As que limpan, que se levará a escena en galego con subtítulos en castelán e co que o CDN se suma á celebración do Día das Letras Galegas. A obra ten como protagonistas a esas mulleres case invisibles que fan os traballos de limpeza en establecementos como hoteis, e a súa loita por uns dereitos laborais e xustos; tamén toca temas como o turismo sostible e o impacto desta actividade nas paisaxes e outros eidos.

Outra produción do Centro Dramático Nacional con participación galega é Blast, escrita e dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez (Allariz, 1987). Concibida como unha mestura de musical, audición e mitin, a montaxe reflexiona sobre o uso do teatro para dar resposta ás grandes preguntas da sociedade contemporánea, do xénero ao ecoloxismo, así como o traballo e o amor.