«Ti primeiro»: Unha relación de parella cun final aberto

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A novela visual interactiva ofrece distintas opcións ao usuario ao longo da historia.
A novela visual interactiva ofrece distintas opcións ao usuario ao longo da historia.

A aplicación da novela visual permite a interacción do usuario e que escolla o desenvolvemento da historia

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Álex e Sebas son unha parella que, nun determinado momento do seu amor, deciden manter unha relación aberta. Unha aposta que trae consigo moitas preguntas e a incógnita de como será o final, no que non serán Álex e Sebas quen teñan a derradeira palabra: ambos son protagonistas de Ti primeiro, unha novela visual interactiva que permite escoller como se vai desenvolver a historia. Ningunha opción é mellor que a outra, xa que Roberto Alvite, autor e director -e tamén actor: interpreta a Sebas-, puxo coidado en equilibrar as opcións. Non en van Ti primeiro presenta unha reflexión sobre os distintos xeitos de amar, un verbo que exclúe opcións «correctas» e outras que non o son.

Quen siga esta historia atopará a Álex -a quen dá vida Iris Darriba- en tres anos da súa vida, 2013, 2016 e 2019, e asistirá á evolución da súa intimidade. Sentimentos como «o que implica querer a alguén, o desexo, a perda», que son comúns a todos, segundo Alvite, por moi distintas que parezan as parellas dende fóra. «Non se trata de que nós digamos que un tipo de relación sexa mellor que outra», subliña o director e produtor. Deste xeito, accédese a esa esfera íntima, da man dun narrador omnisciente e os diálogos superpostos dos protagonistas.

Ti primeiro, unha produción de Melgo Cinema, que conta co apoio da Deputación da Coruña, a participación de CREA SGR e o financiamento de Triodos Bank, organízase arredor desas tres etapas temporais en outros tantos episodios: cada un ten arredor de 25 minutos e, como as boas series, poden seguirse aos poucos ou nunha única sesión. O equipo conta con que estean dispoñibles nas vindeiras semanas, agora que dan os últimos retoques, como as versións lingüísticas, xa que a novela visual falará seis idiomas: galego, español, inglés, francés, italiano e portugués. «E co paso do tempo gustaríanos engadir tamén xaponés, coreano ou ruso», avanza Alvite, para quen esta aposta multilingüe era algo natural para o desenvolvemento do proxecto, como tamén o era a aposta pola interactividade, nun contexto no que percibe a un público máis activo no seu consumo cultural.