Xornalismo esixente

CULTURA

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É o que exerceu sempre Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 1916-O Grove, 1990). Estreouse, moi novo, en 1934, no diario pontevedrés El País, que dirixía, daquela, Roberto Blanco Torres, unha das plumas máis cultas, honradas e de máis xeito literario que produciu o xornalismo galego do século XX. Esas virtudes propiciaron a súa morte -polo procedemento do paseo- en agosto de 1936. Por esas datas, o seu discípulo Lueiro trataba de eludir a gadoupa represiva ata que as leis dos sublevados o alistaron na súa tropa.

Para moitos, Lueiro é un poeta e un narrador, idea que vai en detrimento das súas colaboracións na prensa diaria ou semanal, do seu xornalismo, sempre unha paixón nel. Estaba convencido de que a palabra do xornalista, como palabra rexeneradora, era máis eficaz que a palabra do poeta ou do narrador. Foi, en efecto, un apaixonado xornalista desde os 18 anos, sobre todo cando, en pleno franquismo, facía chegar clandestinamente crónicas de denuncia á Pirenaica (Radio España Independiente).

En Fornelos de Montes, onde naceu, asistín, o día 6 deste mes, á entrega do cuarto premio de Xornalismo Lueiro Rey, obtido por Paula Castro cun magnífico artigo titulado Mulleres invisibles. No acto, agasalláronnos cunha peza cerámica de Paula Pereira Carreiro moi concorde co espírito da celebración. Axiña o Concello, que preside don Emiliano Lage, convocará o décimo premio de Poesía Lueiro Rey, ademais do quinto de Xornalismo. Sabido é que no Grove, onde viviu tantos anos o escritor, convócase, desde hai moito tempo, o premio Lueiro Rey de Novela Corta. Así pois, os tres xéneros literarios cultivados polo noso escritor teñen un recoñecemento público nas dúas localidades máis vencelladas á súa vida.

Como mantedor do acto, salientei dúas colectáneas xornalísticas do noso autor: Crónicas de una transición intransigente (1985) e Novas crónicas dunha transición intransixente (2015). Nunha e noutra está a musa radical dun escritor que, ante a Transición, é moi duro, por entender que en 1978 foron as esquerdas as que tiveron que ceder non pouco ante a presión excesiva do neofranquismo.