«Caderno de Gres» saca á luz parte do derradeiro dietario de Neira Vilas

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A publicación que recupera o texto inédito de Neira Vilas foi presentada este xoves en Santiago.
A publicación que recupera o texto inédito de Neira Vilas foi presentada este xoves en Santiago. Sandra Alonso

O novo libro profunda tamén na relación do escritor crucense con Isaac Díaz Pardo

18 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 12 de decembro do 2009, o escritor Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015) empeza o que el titula como Dietario derradeiro, no que vai ir recollendo os encontros con amigos e persoeiros da cultura, actos públicos, traballos e viaxes que fai, entre outros acontecementos. A primeira anotación corresponde ao ingreso de Manuel Rivas na Real Academia Galega (RAG) nun acto do Paraninfo da Universidade da Coruña. Nese mesmo dietario vai ir rexistrando a súa actividade ata o verán do 2015, meses antes de falecer. Agora, parte dese día a día do autor de Memorias dun neno labrego ve a luz por primeira vez integrado en Caderno de Gres, unha publicación en papel promovida pola Fundación Xosé Neira Vilas ao abeiro do Fondo de Proxecto Culturais Xacobeo da Xunta.

Caderno de Gres, que foi presentado este xoves en Santiago, recolle dous dos seis anos rexistrados por Neira Vilas nese Dietario derradeiro que comezaba a finais do 2009. Concretamente, o último feito que aparece no libro data do 27 de decembro do 2011, cando o escritor describe a homenaxe que lle fixeron a Anisia Miranda, a súa muller, que xa falecera, na biblioteca Ánxel Casal de Santiago. «É unha relación de feitos, acontecementos, visitas, viaxes, encontros... É unha axenda ampliada do seu día a día; non é un texto con pretensións literarias nin un ensaio [...] El consideraba que merecía a pena deixar constancia deses acontecementos, pero sen nada a maiores dese rexistro, como moito unha pequena reflexión súa persoal», explica Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas. A idea que teñen desde a entidade é publicar en vindeiros traballos a parte pendente dese Dietario derradeiro. Deste xeito completaríase a triloxía iniciada por Vinte anos retornando -no que se recollen as viaxes desde Cuba a Galicia- e Penúltimo dietario -do ano 1992 ata o 2009, cando xa regresara a Gres-, ambos na editorial Xerais. Por que decidiron publicar este texto inédito do dietario? «Consideramos que dada a figura que representa Neira Vilas, ten interese coñecer a súa vida cotiá», responde Fernando Redondo.

Esta relación do día a día de Neira Vilas entre os anos 2009 e 2011 conforma o bloque final de Caderno de Gres, publicación que abre cunha homenaxe a Isaac Díaz Pardo coincidindo co aniversario do seu nacemento no 2020, e tendo en conta a estreita relación persoal e profesional que mantivo con Neira Vilas. «Hai que lembrar que Díaz Pardo foi quen publicou por primeira vez en Galicia Memorias dun neno labrego en Edicións do Castro», incide o presidente da fundación, lembrando que, ademais, foi o principal editor da súa obra.