Luis Zahera: «Feijoo é un tipo moi "pavero"»

CULTURA

BASILIO BELLO

O popular actor prepara unha serie con José Coronado e di que se arrepinte de non ter tido fillos

18 jun 2021 . Actualizado a las 11:26 h.

Collo a Luis Zahera (Santiago, 1966) coa garda baixa. A culpa tena a vacina contra o covid que o deixou cun pouco de febre. Aténdeme antes de ir traballar, o verbo máxico sobre o que xira a súa vida. Para ben, aínda que non sempre.

—En que traballa agora?

—Nunha serie para Telecinco que se vai titular Entrevías, protagonizada por José Coronado, que é unha especie de Gran Torino. Nunca se sabe, pero a cousa pinta ben.

—E vostede é dos bos ou dos malos?

—Eu son un policía canalla, un malo, pero que non é moi mala xente. Un tipo turbio.

—Fai de malo moitas veces.

—Si, o que se chama un característico. O problema non é estar encadrado, o problema é non traballar. Cos anos van saíndo outras cousas, personaxes doces, como en Loco por ella, unha película que fixemos para Netflix. Iso dáme moita satisfacción porque podes escapar un pouco dos papeis de sempre. Eu non me queixo. É moi divertido este choio, así que estou feliz como unha perdiz.

—É máis difícil facer de malo?

—Non. É o mesmo xogo. Aínda que o malo está sempre fóra do taboleiro. Pode que interpretar ao malo teña algo máis de divertido.

—Non quero dicir que vostede sexa unha mala persoa, pero a voz de malo, tena.

—O da voz sempre mo dixeron. Recoñécenme pola voz. Tamén esta cara afiada que teño. Eu xa empecei de terrible con Luis Tosar no Matachín e xa me quedei alí, de tipo chunguísimo e non hai ningún problema.

—Cando interpretou a Feijoo non estaba facendo de malo...

—Ha, ha. Fixen aquela felicitación con Alberto. Feijoo é un tipo moi pavero. Alí facía de irmán pequeno. O presidente non se sabe se é bo ou malo, a historia o dirá, ha, ha. Pero se a xente o vota, eu conforme. Eu xa falei con el de que votaba os outros, ha, ha. A min gústame facer de malo nas películas, pero tamén pacificar as cousas. Son da idea de miña nai de que todos somos iguais. Temos que entendernos todos.

—Seguro que lle chama Petróleo a algo: un can, un barco...

—Ha, ha. Pois non o pensei, pero débolle moito. O outro morreu como Chanquete, eu morrerei como Petróleo. Teño grandes recordos; foi unha cousa moi máxica, revolucionaria porque collía a variante dialectal da Costa da Morte; ían cintas de VHS para Suíza, para Arxentina... O recordo vai collendo pulo cos anos. Foi un produto perfecto.

—Agora vive en Madrid?

—Estou en Madrid. Vivo entre Madrid e a Illa de Arousa. Teño ao menos ata novembro e logo rodarei con Rodrigo Sorogoyen. O caso é que teño que pasar o verán aquí en Madrid, que é unha cousa... Os galegos e o calor de Madrid... era mellor morrer, como dicía Currás!

—Igual se ten que quedar máis tempo.

—E que agora hai como unha revolución coas plataformas. Eu son un actor que traballa en televisión e vexo que hai que estar bastante aquí. Hai un lote de choio e hai que ter o campamento aquí. Eu teño 55 anos e vivín dúas revolucións: cando saíron as autonómicas e o de agora. Ten como algo de burbulla pola cantidade de ficción que se está facendo.

—Os actores galegos brillan moito nos últimos anos: Morris, Tosar, Javier Gutiérrez, Mario Casas...

—Si, é verdade. Aínda que non sabería dicir por que. Pero é un momento doce para os intérpretes galegos homes. Ao mellor é que os galegos temos un xene, como os ingleses, para a interpretación.

—Algunha vez pensou en dirixir?

—Non, non sabería. Son un tipo bastante caótico. Un día penso unha cousa e ao seguinte, outra.

—Celta ou Dépor?

—Poña o que queira. Non teño nin idea. Veño dunha familia de mulleres e a meu pai non lle gustaba o fútbol.

—Como diría que é vostede en catro palabras?

—Caótico, pavero, impaciente e parvo.

—Sabería facer unha tortilla?

—Si.

—E unha empanada?

—Mental. Non sei cociñar, levo toda a vida comendo fóra.

—Que fai co seu tempo cando dispón del?

—Os meus paseos, fago deporte, ler tamén, ver películas antigas... lecer. Ir a tendas de segunda man, que me gusta moito. Ao non ter fillos, teño unha vida bastante egoísta.

—Bótaos de menos? Aos fillos.

—Arrepíntome de non telos porque estaba centrado no traballo. Había que chegar a un sitio no traballo, culminar unha cima. E a día de hoxe penso que o traballo non o era todo. Agora teño 55 anos e penso que hai que ter fillos con menos idade. A verdade é que me arrepinto.

—Como era de pequeno?

—Miña nai di que non tiña parada. Botei un lote de anos nos Boy Scouts. Iso conectoume moitísimo coa natureza, que é algo que me encanta. Estou completamente de acordo con aquel que dicía que o paraíso é a infancia.

—O seu lugar favorito.

—A Illa de Arousa.

—Unha canción.

-Grandola vila morena, de José Afonso.

—Que é o máis importante na vida?

—Para min, o traballo. Xa estou viciado. Lamentablemente.