Bibliotecas de cinco países custodian os principais códices medievais galegos

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dunha ilustración do Códice Rico.
Detalle dunha ilustración do Códice Rico. RAG

Institucións en Madrid, Lisboa, Florencia, Viena e Nova York gardan este patrimonio

17 jun 2021 . Actualizado a las 18:56 h.

O decorrer do tempo e da historia, ás veces con antollos de seu, foron espallando os principais códices medievais cuxas páxinas conteñen un patrimonio de valor incalculable: unha auténtica idade de ouro para a lingua galega, como son os cancioneiros da lírica galegoportuguesa, así como diversos textos en prosa. Bibliotecas e entidades de ata cinco países en dous continentes custodian algúns dos máis importantes fondos documentais, de Madrid a Lisboa, do Vaticano a Florencia, e de Viena a Nova York.

Malia a distancia, hai unha parte deste patrimonio que se pode consultar grazas a que está dixitalizado e os seus contidos en aberto na Rede. Outra parte, porén, só é accesible en edicións, antigas e de escasa calidade, ou, paradoxalmente, en versións facsimilares de luxo ao alcance só duns poucos. É o caso de dous dos códices que recollen as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, os chamados Códice Rico e Códice dos Músicos, que se conservan na Biblioteca de San Lourenzo de El Escorial. A Real Academia Galega dirixiuse a Patrimonio Nacional co argumento lóxico de que nuns tempos nos que a tecnoloxía permite compartir o patrimonio que, ademais, se atopa en entidades públicas, non se debera privar do seu acceso en liña. A institución académica recibiu a confirmación por Patrimonio Nacional de que ambos códices estarán dispoñibles a través da Rede, en principio, antes de que remate o mes. Xa era posible gozar do Códice de Toledo, actualmente na Biblioteca Nacional, e que procede da Biblioteca Capitular toledana, cidade na que se cre que foi composto. Tamén está dispoñible o que conserva a Biblioteca Nacional Central de Florencia.

Ademais das Cantigas de Santa María, outros tres cancioneiros recollen a lírica galegoportuguesa. O máis antigo é o de Ajuda, composto na corte de Afonso X, e toma o seu nome da Biblioteca do Palacio Real de Ajuda. Un segundo códice, o Colocci-Brancutti, tamén se garda en Lisboa, pero foi adquirido en 1924 —en tempos nos que aínda era posible a compra e venda deste tipo de patrimonio, algo que hoxe semella case imposible— e chegou de Italia, país no que tamén se atopa o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Estes dous últimos copiáronse en Italia, tomando como base outro documento anterior, e os tres son a principal fonte para o estudo das cantigas de amigo, amor e escarnio.

A eles hai que engadir o pergamiño Vindel, coas sete cantigas de Martín Códax, e cunha historia que exemplifica os azares que viviron estes documentos: foi usado nas gardas interiores dun libro de Cicerón do século XIV. Atopouno en 1914 un libreiro, Pedro Vindel, quen llo vendeu a un musicólogo, que o levou a Suecia; á súa morte, os herdeiros venderon a biblioteca e, tras varios intercambios, actualmente está na Biblioteca Morgan de Nova York. Hai catro anos foi cedido temporalmente para unha mostra en Vigo.

Os códices e cancioneiros eran obxectos moi custosos e reservados só aos máis poderosos. Algúns empregáronse como agasallos entre as altas esferas. Outros formaban partes de bibliotecas de nobres, coleccións que foron cambiando de mans en función de herdanzas e alianzas. A propia biblioteca do Escorial, fundada por Filipe II, forneceuse de fondos de aristócratas cultos, por exemplo. Eran obxectos de gran valor simbólico pero tamén económico, e moitos deles amosan nas súas páxinas as pegadas do paso do tempo e as vicisitudes da súa existencia.

Unha ampla maioría de lectores de La Voz, partidaria de que os manuscritos do Escorial se garden en Galicia

Cre que os códices que recollen as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio deberían permanecer no Escorial ou deberían custodiarse nun arquivo en Galicia? Unha ampla maioría dos lectores de La Voz responderon á enquisa que formulou o xornal na súa edición dixital amosándose partidarios de que esta parte importante do patrimonio galego teña Galicia como lugar habitual de conservación. Ao longo da xornada, a porcentaxe de internautas que apoiaban a incorporación do Códice Rico e o Códice dos Músicos a unha institución con sede en Galicia oscilou entre o 77 e o 80 %.

Esta posibilidade enmarcase no debate sobre cales son os lugares idóneos para albergar obxectos culturais de gran valor simbólico. A tecnoloxía dixital e as comunicacións permiten que tanto obras de arte e literarias, xunto con outro tipo de producións, poidan ser accesibles dende calquera lugar do mundo, polo que se abre a discusión sobre se o seu emprazamento debería vincularse á cultura da que naceron.

Moitas obras senlleiras foron afastándose seguindo os cambios históricos sobre países e comunidades. Algunhas foron mercadas en tempos nos que había escaseza económica ou non se daba un grao de protección acorde coa súa importancia, e deste xeito foron pasando dun propietario a outro ata acabar en coleccións privadas ou públicas doutros países.

Tamén houbo casos nos que a marcha de obxectos se relaciona cos exilios dos seus autores. É o caso da Biblia Kennicott, un magnífico manuscrito escrito e iluminado na Coruña, pero que foi vítima colateral da expulsión dos xudeus en 1492. Actualmente custódiaa a biblioteca Bodleian de Oxford. Algo semellante aconteceu con A derradeira leición do mestre, un cadro que Castelao pintou en 1945 en Bos Aires, onde se atopaba exiliado, e alí permanece.