La Voz convoca unha nova edición dos Relatos de Verán

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Os textos seleccionados publicaranse no xornal ao longo do mes de agosto

21 jun 2021 . Actualizado a las 11:23 h.

Volven os relatos e a literatura a La Voz de Galicia. O xornal convoca, un ano máis, unha nova edición do certame dos Relatos de Verán, unha iniciativa que abre as súas páxinas á creatividade literaria do público. Durante os 31 días do mes de agosto, as Páxinas Literarias de La Voz acollerán unha selección das narracións enviadas polos seus lectores, que ademais optan a premios en dúas categorías en función da idade: para os menores de 16 anos o galardón será unha tableta, mentres que para quen xa teñan esa idade ou a superen o premio consistirá nun ordenador portátil.

Con esta nova cita estival cos seus lectores, os Relatos de Verán chegan xa á súa edición número vinte e dúas, o que os converte nunha das iniciativas culturais máis lonxevas e consolidadas no panorama galego, ademais de gozar dunha gran popularidade entre os lectores de La Voz de Galicia.

A mecánica do certame segue as pautas de anos anteriores. Poderán participar todas aquelas persoas que así o desexen, con relatos escritos tanto en galego como en castelán, e que deberán ser inéditos. Os relatos que participen no concurso non deberán exceder de 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos incluídos no cómputo de procesador informático de textos.

Os orixinais a concurso deberán presentarse xunto cos datos da autoría —nome, idade, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, a poder ser, unha breve biografía e unha foto de tamaño carné— en soporte informático, como un cedé ou unha memoria USB. De optar polo envío por correo postal, os relatos deben dirixirse ao enderezo «22.ª edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84-85. Polígono industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña». Os orixinais tamén se poden remitir por correo electrónico a relatos@lavoz.es

Os pais ou titores legais dos menores de 14 anos que queiran participar deberán acompañar tamén unha autorización e os seus propios datos.

Prazo ata o 20 de xullo

O prazo de presentación ábrese o 20 de xuño e permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de xullo. De todos os relatos recibidos publicarase unha selección durante o mes de agosto, nas Páxinas Literarias de La Voz, na súa edición impresa, e ademais os textos tamén se poderán ler na edición dixital do diario.

Coma en edicións anteriores, serán os propios lectores do xornal quen decidan os autores gañadores dos Relatos de Verán. Para poder votar, La Voz publicará nas súas páxinas os cupóns cos que os lectores poderán elixir os seus favoritos e que deberán remitir ao periódico. Os votos deberán cumprimentarse nos cupóns orixinais, xa que non se admitirán fotocopias.

Os autores dos relatos gañadores daranse a coñecer nas páxinas do xornal unha vez rematado o certame, ao longo do mes de setembro. Os remitentes dos cupóns, polo feito de participaren, entrarán nun sorteo de libros, unha selección de títulos do selo Biblos Clube de Lectores.