O debuxante Xaquín Marín, premio Rosalía de Castro

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O debuxante fenés Xaquín Marín, nun taller con nenos.
O debuxante fenés Xaquín Marín, nun taller con nenos. ÁNGEL MANSO

Os galardóns, na súa 12.ª edición, tamén recoñecen a Agrupación Astronómica Ío e Twitter en Galego polo seu labor a prol da lingua galega

15 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Di o xornalista Félix Caballero, que fixo a súa tese sobre a obra de Xaquín Marín (Ferrol, 1943), que o popular autor, debuxante de La Voz de Galicia, debe ser considerado como «o humorista gráfico galego máis relevante desde Castelao». Unha idea semellante alenta a 12.ª edición do premio Rosalía, que a Deputación da Coruña acaba de outorgarlle a Marín ao referendar unha candidatura que promoveu o Concello de Fene, cuxo alcalde, Juventino Trigo, amosaba este luns a súa satisfacción polo recoñecemento a un dos seus veciños máis ilustres. O viñetista é o gañador do galardón no apartado de persoas que destacan na promoción da lingua galega por, segundo argúe o xurado, o seu gran compromiso co idioma, continuado no tempo. Ademais, engade o fallo, é merecedor do Rosalía «polo alcance social do seu traballo e por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista». En definitiva, incide o xurado, valórase o seu labor artístico e intelectual «pola defensa da lingua que comporta implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual» e que pode gozarse cada día nas páxinas de La Voz.

Alén de Xaquín Marín, a 12.ª edición dos premios recoñece o labor da Agrupación Astronómica Ío -no apartado de entidades- e de Twitter en Galego -para iniciativas de xente nova-, sempre nunha convocatoria encamiñada a recoñecer persoas e entidades que traballan na promoción do galego.

Na Agrupación Astronomía Ío premian o impulso da lingua nun ámbito tan especializado e no que o galego apenas tiña presenza e que «conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo». O colectivo asesora á RAG no nomeamento das 88 constelacións e promoveu a campaña social para que a Unión Astronómica Internacional asignase o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

Chíos e redes sociais

En canto á iniciativa Twitter en Galego, promovida por Carlos García Vieito, enxalza a súa coordinación do proceso de tradución para configurar esta plataforma social na lingua galega e fornecer un referente nas redes sociais para o público xeral e para a mocidade en particular, «facendo que cada día máis chíos sexan en galego».

O premio Rosalía dispón unha dotación económica de 2.100 euros por categoría.