Andrea Pousa: «Houbo poliamor toda a vida, o que pasa é que agora somos máis abertos»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Andrea Pousa, nunha imaxe promocional do seu novo disco.
Andrea Pousa, nunha imaxe promocional do seu novo disco. FRAN CORTIZO

A artista de Tomiño presenta «Retorno», un álbum trilingüe e ecléctico que mira a América dende a fronteira entre Galicia e Portugal

14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As cancións de Andrea Pousa nacen na fronteira entre Galicia e Portugal, pero mirando tamén a América Latina. No seu segundo traballo longo, Retorno, mestura linguaxes, xéneros e sensacións. É a consecuencia da súa vida e o seu modo de estar no mundo: «Eu son raiana de Tomiño e este traballo está enfocado nos tres idiomas nai meus —sinala—. Considéreme galaico-portuguesa, porque teño moita influencia de Portugal, dende as miñas orixes familiares e musicais».

—O disco é moi contemporáneo pero tamén ten moita raíz. Inflúe aí o momento propicio que existe no pop galego para ese tipo de sons?

—Non, eu fago o que sinto. Este disco saíu sen pretensión de ningún tipo. Foi unha conexión miña coas miñas raíces. Loxicamente, son unha moza nova que ten influencias da música urbana e vangardista, que se leva hoxe.

—No disco pasan moitas cousas e parece que ten unha vertente case lúdica de xogar coa música. Foi así gravalo?

—Si, hai cancións moi xoguetonas como Bendito desliz, na que describo un frechazo na rúa. Ou Atrapados, que intenta trasladar a música urbana con sons eléctricos para mostrar a realidade virtual. Obviamente si, xogamos moito coa música.

—Nun tema di: «Somos una pareja de tres que muchos llaman rara». Un canto ao poliamor, tan de moda está na actualidade?

—Si, hoxe está de moda, pero houbo poliamor toda a vida. O que pasa é que agora somos un pouco máis abertos nese sentido, porque sempre foi un tema tabú. Pero hoxe hai xente que vive cunha parella de tres. Esta canción desenfada fala claramente diso.

—Fixo as Américas. A súa música ten eco en países como México. Cal é esa relación?

—A primeira vez que estiven en América foi no ano 2014, a través da miña compañía de espectáculos. Case todos os anos ía a Arxentina, Uruguai, México... Fun introducindo a miña música a través dos emigrantes, pero logo conectas coa outra xente. Involúcranse moitísimo. Son fans fieis e quérente un montón.