Dos vinte poemas de amor de Neruda á viaxe da vida de Margarit

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os poetas Pablo Neruda e Joan Margarit.
Os poetas Pablo Neruda e Joan Margarit. Paco Rodríguez

Medulia publica en galego senllos volumes cos versos de ambos autores

14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Corpo de muller, brancos outeiros, coxas brancas...». Así soa en galego o primeiro verso dos Vinte poemas de amor e unha canción desesperada de Pablo Neruda, na tradución de X. Amancio liñares Giraut e María Rey Rey que vén de publicar, en edición bilingüe, Medulia, con ilustracións de Isabel Pintado. Así soa nunha «lingua emigrante e peregrina», segundo escribe no limiar Edmundo Moure dende Chile, unha lingua, a galega, que suma deste xeito a unha das obras cimeiras da poesía universal. Unha contribución normalizadora —entre as funcións que desenvolve a tradución—, como subliña na presentación o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e que era un dos obxectivos dos tradutores.

Na obra, que se presenta este martes en Santiago (Biblioteca Ánxel Casal, 19.00 horas), Liñares e Rey optaron para a versión galega por «poñer o acento na literalidade, fuxindo da tradución máis libre e distante», aínda que respectando a escrita de Neruda, con atención á rima e o ritmo, así como a «riqueza e sinxeleza léxica de certos campos semánticos». Esta é a primeira tradución ao galego da obra, que suma a versión número 25 dos Vinte poemas a outras linguas.

Precisamente Neruda foi o «primeiro contacto serio» coa poesía, aos 18 anos, de Joan Margarit, de quen se publica —tamén no catálogo de Medulia— A viaxe da vida, unha escolma de cincuenta poemas, seleccionados e traducidos por Luciano Rodríguez. Afírmao Margarit na introdución á antoloxía bilingüe, nun texto onde traza a súa evolución poética, dende a paixón coa que acolleu a Neruda —recoñece que lle levou dez anos liberarse da súa «influencia excesiva»—, a publicación dos primeiros libros, o tránsito do castelán ao catalán como lingua literaria e a estreita relación entre poesía e vida. Un proceso no que Margarit, que tamén foi arquitecto, emprega unha imaxe tomada da edificación: poemas que cada vez máis nacían dun proxecto sen planos e segundo o cal se ía construíndo a obra poética.

Luciano Rodríguez lembra que cando no 2008 Margarit recibiu o premio Rosalía de Castro do PEN Club galego, correspondeulle facer unha laudatio, e falou do escritor tamén nunhas coordenadas parecidas: «arquitecto e poeta ou viceversa». O antólogo propón unha porta de entrada con cincuenta poemas que amosen «a fertilidade da produción deste arquitecto que soubo fundir ciencia e poesía, memoria e vida, gozo e dor, ambición e realidade».