Aclamacións á igualdade e ao apoio á cultura na homenaxe a Concha Blanco

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Concha Blanco, á dereita, na praza que agora leva o seu nome
Concha Blanco, á dereita, na praza que agora leva o seu nome CONCELLO DE CEE

A autora foi distinguida como Escritora na súa terra pola AELG

13 jun 2021 . Actualizado a las 15:11 h.

Un pequeno espazo verde tralo Mercado Municipal de Cee é, dende este sábado, a praza Concha Blanco. Ela, docente xubilada e creadora dunha prolífica obra literaria, foi a autora homenaxeada este ano pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no marco do distintivo Escritores na súa terra, outorgado en anos anteriores a persoeiros como Manuel María, Xosé Neira Vilas, Marilar Aleixandre, Uxío Novoneyra (de xeito póstumo) ou María Pilar García Negro, entre outros.

Concha, arroupada por numerosos representantes do mundo da cultura e por persoas coas que se foi cruzando no seu longo camiño como docente, confesou a súa felicidade por ser honrada no seu pobo natal e fixo un chamamento aos organismos oficiais «demandando atención e axuda ao mundo da cultura en todas as manifestacións», dixo. Sempre, mais especialmente neste momento tan complicado derivado da crise sanitaria.

Tamén reivindicou no seu discurso, pronunciado na Casa da Cultura ceense trala inauguración da praza, a igualdade. Que o recoñecemento que ela onte recibía se vise, dixo, «como unha xanela aberta a máis mulleres, as que, por distintas razóns, merezan tal honra».

Agradeceu a homenaxeada o apoio incondicional dos seus familiares e fixo memoria das moitas anécdotas que foi coleccionando durante a súa camiño como docente.

Unha traxectoria que quixo destacar Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, loando que Concha transmitise aos seus pupilos e, por extensión, aos seus lectores, o amor pola lingua propia: «Ela ensinoulles o dereito á esperanza da man do noso idioma. Para os que, coma ela, defendemos vivir en galego, o pesimismo no futuro do noso idioma é un luxo que non nos podemos permitir», sinalou.