Palestinos sen fronteiras

Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

O escritor Emilio Alonso
O escritor Emilio Alonso Lago

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro de tres días, o catorce do presente mes, fará un ano que faleceu o escritor Emilio Alonso: foi durmir fóra cando aínda non cumprira os 62 anos. É coñecido -relativamente- por Mercurio, relato que gañou, no ano 2008, o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Este relato detectivesco e tamén costumista sobre a cidade de Lugo nos sesenta e nos primeiros dos setenta foi editado en volume por Xerais, no 2009. Quizais o libro seu de máis éxito de público sexa Vigo a 80 revolucións por minuto. Unha crónica da movida (2011), de crítica musical.

Agora ben, o libro no que o autor puxo máis paixón, froito dun fondo compromiso ético, foi ¡Po! Diario dunha viaxe a Palestina, libro do que saíron a edición galega e a castelá no ano 2003, publicado, en Santiago, pola Fundación Araguaney, na que traballaba o autor desta viaxe. Emilio Alonso foi unha das persoas que atendeu, no 2002, a quince rapaces (entre nenos e nenas) que viñeron nese ano a Galicia desde o campo de refuxiados de Al Fawwar, e desde esas datas, engaiolado por aquelas castigadas criaturas, a súa prenda de vestir dos domingos e festas de gardar foi a kuffieh, a bufanda da causa palestina. No mesmo ano, Emilio Alonso, coa axuda da fundación, viaxou a Palestina e visitou, entre outros lugares, o campo de refuxiados de Al Fawwar, onde aqueles quince rapaces o recibiron con agarimo e gratitude, con xestos hospitalarios moi propios das xentes palestinas nas duras circunstancias nas que sobreviven.

O autor tivo como guía, desde Haifa, a María, unha activista da causa moi querida e admirada por canto árabe a coñece. A ela, por «imprescindible» (no sentido brechtiano), lle dedica o seu Diario. Na contracuberta do libro o autor publica un poema que titulou Pedras de Palestina. Son as pedras coas que os palestinos acantazan os sofisticados e terribles carros de combate israelís, as mesmas pedras que evocou hai tempo o poeta Luís González Tosar nun verso maxistral en que as xentes de Palestina aparecen «acantazando a historia».

Este Diario é un canto fervoroso á liberdade, tantas veces abafada naquel sufrido país.