Música que viaxa de Guatemala a Nova York pasando por Tui

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Alvarado e Abramovich, durante a actuación na catedral de Tui
Alvarado e Abramovich, durante a actuación na catedral de Tui

A catedral tudense é o escenario dun concerto para un certame norteamericano e que agora se pode ver en liña

11 jun 2021 . Actualizado a las 12:13 h.

Hai unha conexión que vai de Guatemala a Nova York e pasa por Tui: a serie de concertos Early Music of the Americas, impulsada por dúas entidades norteamericanas, vén de difundir en Internet unha actuación cun repertorio dos séculos XVI e XVII compilado en Huehuetanango, Guatemala, e gravada na capela románica de San Vicente da catedral tudense. O recital estivo a cargo do tenor Jonatan Alvarado e Ariel Abramovich, especialista en viola de man, e a gravación foi realizada en maio por un equipo galego coordinado polo festival Música no claustro, que se celebra en Tui, e mais o Cabido da catedral.

A orixe do proxecto remóntase ao 2018, cando Alvarado participou na edición dese ano de Música no claustro e quedou fascinado pola acústica e a historia da capela de San Vicente. Xa que logo, elixiu ese espazo cando recibiu o convite dos organizadores dos concertos estadounidenses dedicados á música antiga das Américas. As pezas atópanse nuns libros recompilados entre 1582 e 1635 e que agora forman parte dunha colección na biblioteca da Universidade de Indiana.

Música no claustro encara xa a súa edición número 15, que se celebrará este ano entre os días 1 e 7 de agosto na catedral de Tui.