Unha mostra percorre o Camiño a través de documentos ligados ao patrimonio

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

«Camiños, paisaxe e patrimonio» exponse no Arquivo de Galicia.
«Camiños, paisaxe e patrimonio» exponse no Arquivo de Galicia. Sandra Alonso

10 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un plano de todo o trazado do Camiño Francés do ano 1970, o levantamento fotogramétrico do baldaquino da catedral de Santiago (2007), planos de detalle das pallozas de Pedrafita do Cebreiro (1964), inventarios de muíños e pontes que se atopan no percorrido cara a Santiago... O Arquivo de Galicia abriu onte a exposición Camiños, paisaxe e patrimonio, que permite peregrinar polas diferentes rutas xacobeas a través da documentación, fotografías, planos ou expedientes que custodia e que están vinculados á Dirección Xeral de Patrimonio de Cultura.

Os documentos que conforman o proxecto expositivo co que a Xunta conmemora o Día Internacional dos Arquivos foron creados coa finalidade de identificar, protexer e promover a difusión de bens de recoñecido valor. Este material exhibido na Cidade da Cultura data dos anos 60, 70 e 80 e está organizado nunha decena de vitrinas distintas. Hai unha por cada unha das rutas xacobeas -agás no caso da do Mar de Arousa e de Fisterra, que comparten espazo-. Ademais, a primeira está dedicada á delimitación dos camiños e a última pon o foco na catedral de Santiago, onde, xunto co levantamento fotogramétrico do baldaquino, se recollen folletos dos discursos durante a ofrenda do Apóstolo así como informes de escavacións feitas no templo hai décadas.

En Camiños, paisaxe e patrimonio, que poderá verse ata o 20 de outubro, non só se inclúen os documentos ligados á Dirección Xeral de Patrimonio -e a organismos anteriores que contaban con competencias na materia-, senón tamén fotografías dunha empresa que pertencían ao legado doado ao Arquivo de Galicia por parte da familia Vilariño Pintos. A exposición, segundo explicaron responsables do seu deseño, pretende amosar a relación entre a ruta xacobea, a paisaxe e o patrimonio, xa que se retroalimentan. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que un dos obxectivos deste proxecto é darlle visibilidade ao traballo que se fai nos arquivos, moitas veces oculto, pero que «é fundamental» para a partir de aí «construír un relato veraz». Ademais, apuntou que cos textos e documentos que integran esta nova mostra se pode apreciar como foi cambiando a maneira de protexer o patrimonio ao longo dos últimos anos.