Zarauza remata a rodaxe do seu filme de terror «Malencolía»

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da rodaxe do filme de Zarauza «Malencolía».
Detalle da rodaxe do filme de Zarauza «Malencolía». MARUXIÑA FILM COMPANY

O cineasta compostelán debuta no xénero cunha longametraxe filmada en localizacións dos concellos ourensáns de Boborás, O Irixo e O Carballiño e en Santiago

25 ago 2021 . Actualizado a las 19:06 h.

Alfonso Zarauza (Compostela, 1973) remata este mércores en Santiago a rodaxe da súa sexta longametraxe, Malencolía. Con esta película -filmada para televisión-, o cineasta galego debuta no xénero do terror, malia repetir con boa parte do equipo técnico e artístico que o acompañou no seu último traballo, Ons, estreado a finais do 2020. Malencolía realizouse ademais en localizacións dos concellos ourensáns de Boborás, O Irixo e O Carballiño.

Entre os intérpretes que volven traballar ás ordes de Zarauza están os protagonistas, Melania Cruz e Xúlio Abonjo, que dan vida a Sira e Pepe, unha parella que decide comezar unha nova vida nunha aldea abandonada de Ourense logo de botar moitos anos emigrados en Berlín. Chegados ao lugar descobren con sorpresa que a u?nica casa con vida esta? habitada por unha peculiar muller chamada Isolina, que interpreta Iolanda Muíños. Redondean o elenco Diego Anido, Marta Lado, X. A. Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Deborah Vukusic.

Zarauza, explica a produtora, busca tratar o terror dun xeito pouco convencional, partindo da rica tradición galega oral e literaria sobre o medo para engadir elementos do estilo americano slasher de asasinos en serie e gore. Para abordar esta mestura de xéneros botou man de novo de colaboradores habituais no equipo técnico, como Elia Robles na dirección de arte, Alberte Branco na fotografía, Tamara Soto na dirección de produción ou Fernando Alfonsín na montaxe, todos eles galardoados ou finalistas nos últimos Mestre Mateo por Ons, que tamén levou o premio á mellor longametraxe e acadou un total de nove galardóns.

Malencolía, producida por Maruxiña Film Company, é unha película rodada en Galicia e en galego, con equipo 100 % galego. Conta coa participación da TVG, subvención da Agadic e a colaboración da Deputación de Ourense e o patrocinio de Deleite.