Manuel Rivas: «A un libro dislle adeus como aos emigrantes e xa pertence a quen o abre»

CULTURA

Memoria. Rivas defende a necesidade da memoria -«na Odisea Ulises mantén a memoria para volver a Itaca»- e salienta que en «El lápiz del carpintero» está moi presente. O domingo 13 de xuño La Voz ofrece co xornal a novela por 5,95 euros
Memoria. Rivas defende a necesidade da memoria -«na Odisea Ulises mantén a memoria para volver a Itaca»- e salienta que en «El lápiz del carpintero» está moi presente. O domingo 13 de xuño La Voz ofrece co xornal a novela por 5,95 euros MARCOS MÍGUEZ

La Voz entregará o próximo domingo «El lápiz del carpintero», segunda entrega da colección de novela de intriga histórica

09 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mes anda por Madrid traballando, aínda que, bromea, «tampouco quero presumir de traballar moito... Preferiría ser considerado un preguiceiro profesional [ri]». Non parece doado que Manuel Rivas (A Coruña, 1957) acade esa consideración despois de ter achegado á literatura un bo feixe de libros senlleiros. Un deles é, sen dúbida, O lapis do carpinteiro (Xerais, 1988), a novela máis traducida da literatura galega, por diante de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.

-Como é a relación que ten cos seus libros despois de que chegan ás librarías?

-Convértense en seres vivos. Teño pensado que está a historia que conta o libro e tamén está a historia do libro, unha vez que o rematas, que se publica... e dislle adeus como despediamos aos emigrantes cun pano branco no peirao. E alá vai o libro.

-Xa non é seu?

-O libro pertence a quen o ten, a quen o abre… Lembro unha historia que contaba Mia Couto, o mozambicano. Ía por Maputo cun libro seu debaixo do brazo. Seu, que o escribira el. Ía dar clase, camiñando, e un rapaz agarroulle o libro e liscou con el correndo. Mia deuse a volta e berroulle: «Eh! Ese libro é meu». E contestoulle o rapaz: «Embora é meu». [Ri] Iso é o que pasa: o libro agora é de quen o abre.

-Moita xente eloxiou «O lapis do carpinteiro»...

-A min emocionoume moito o que publicou Günter Grass cando escribiu que aprendera máis da guerra española lendo esta novela que con moitos libros de historia. Pois iso tamén vai formando parte deste libro, que está traducido a 36 linguas. Teño atopado xente que o estaba lendo en sitios moi afastados: en Latinoamérica, nun campamento no Sáhara… polo mundo adiante. Lembro a alguén, que por suposto non coñecía, sentado nunha maleta, nun aeroporto, lendo o libro. Entón decátaste de que ese libro xa ten vida propia e míralo con curiosidade.

-Diría que é unha historia local?

-É unha historia dura, pero non é unha historia local. A memoria ten esa condición dun presente recordado que pode facer que segundo a época na que o leas o vexas de diferente maneira ou vexas cousas que antes non viras. É fundamentalmente unha novela que non necesita o adxectivo de histórica porque, por desgraza, a banalidade do mal rexurde e podes facer unha lectura de perigos que vivimos na actualidade e que se contan aí no libro. Había unha idea dun historiador hebreo, Yerushalmi, que eu sempre citaba cando tiña que explicar este libro: entre a falta de memoria e o exceso, prefiro o exceso.

-A historia de Daniel da Barca, Marisa Mallo e Herbal deixa sitio para a esperanza?

-Aparecen os crimes que se poden cometer en nome da civilización. Aquí todo o mundo invocaba a civilización pero como di Benjamin o que había detrás era unha barbarie, a aprisionada da historia. Moitas veces as cadeas da humanidade están feitas con papel de oficina. Esta é unha novela arriscada desde o punto de vista narrativo porque quen vai contando a historia é o verdugo. Non é unha novela romántica no sentido tópico, é unha novela dura e hai un chisco de esperanza no final.

-Neste libro hai olladas que non precisan palabras para falar...

-É unha ferramenta imprescindible da escritura: o xeito de ollar. Hoxe están todas esas tecnoloxías e podes ficar fóra de xogo: a ver se vou quedar na irrelevancia se non te decatas da última, se non estás no allo de todo iso… Penso que a literatura é xustamente a ollada, o foco de atención naquilo que queda fóra de xogo, ou que parece marxinal, ou secundario. E aquí é total: temos un personaxe que forma parte da aprisionada da historia que o está arrastrando, querendo ou sen querer, pero o que mantén o factor humano, o que di cousas é a ollada, que ás veces di o contrario do que están expresando as palabras. As palabras son testemuñas da historia, pero ás veces os peores disparos son as palabras. O sentido da ollada que dicía John Berger é fundamental para ver o que está oculto, o que non é fundamental, o que fica fóra do foco de atención pero que é o máis importante.

Retrato do escritor Manuel Rivas. Á dereita, portada do libro que ofrece o domingo La Voz de Galicia.
Retrato do escritor Manuel Rivas. Á dereita, portada do libro que ofrece o domingo La Voz de Galicia. Marcos Míguez

«Somos o que lembramos, pero tamén o que esquecemos»

Manuel Rivas depositou, en abril deste ano, catro exemplares de O lapis do carpinteiro na Caixa das Letras do Instituto Cervantes. Están en galego, castelán, italiano e francés e van acompañadas de diferentes lapis. Tamén deixou o orixinal de En salvaxe compaña e un exemplar do seu poemario en galego Mohicania (1986). De O lapis... lembra: «As primeiras edicións levaban o lapis do carpinteiro e en diferentes países publicouse co lapis. Preguntáronme como naceu este libro, cal foi o xerme, e cheguei a dicir que eu o que quería era repartir lapis por todo o mundo [ri], converterme nun activista do lapis. É curioso porque os lapis son sempre diferentes: son moi semellantes, pero teñen algo un pouquiño diferente e acaban tendo a súa propia identidade».