Unha mostra unirá arte e ciencia para ensinar a Galicia do futuro

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A mostra «Galicia futura» foi presentada onte no Gaiás
A mostra «Galicia futura» foi presentada onte no Gaiás ÓSCAR CORRAL

A exposición do Gaiás implica a medio cento de creadores e científicos

01 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como imos ser no futuro en Galicia? Esa é a cuestión á que responderá a nova exposición que o 14 de xullo abrirá as súas portas no Museo Centro Gaiás, Galicia futura, e para iso contará con medio cento de creadores e científicos, incluíndo representantes de ámbitos como as artes plásticas, as letras, as ciencias e o audiovisual, entre outros. «Esta mostra vai de todo: de todo o que imos ser. Xuntamos todas as formas de coñecemento», dixo Déborah García Bello, que se encargará, xunto a Miguel Ángel Cajigal, de comisariar a exposición central organizada pola Xunta con motivo do Xacobeo e que pechará a triloxía iniciada con Galicia, un relato no mundo e continuada con Galicia, de Nós a nós.

Nesta mostra estará representado o futuro das artes, da farmacoloxía, da intelixencia artificial ou a xenómica, entre outros ámbitos. «Será unha exposición absolutamente sorprendente, innovadora e diferente do que coñecemos ata agora», declarou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante o acto de presentación do proxecto, no que tamén participaron parte dos 19 membros do comité de colaboradores, que está integrado, entre outros, polo cineasta Oliver Laxe, a catedrática en Telecomunicación Edita de Lorenzo, a cantante e compositora Wöyza, a chef Lucía Freitas, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Manuel Núñez Seixas, o comisario David Barro, o arquitecto Carlos Quintáns, a deseñadora Nuria Carballo ou o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, Carlos Salgado. «Desde o primeiro momento soubemos que non podiamos estar sós, senón que precisabamos colaboración para levar adiante unha idea que o que procura é amosar cal vai ser a Galicia futura», resaltou Cajigal. Precisamente, a exposición será «100 % divulgativa», engadiu García Bello, apuntando que son dúas as palabras que a definirán: identidade e transversalidade.

Sobre esa conexións das artes e a ciencia, o cineasta Oliver Laxe dixo que «entre un científico e un artista non hai grandes diferenzas», xa que, entre outras semellanzas, ambos traballan coa inspiración, co rigor «e hai que picar pedra moito tempo». No mesmo sentido tamén se pronunciou Edita de Lorenzo, que profundou na importancia de «saber de ciencia pero tamén de gozar e coñecer a cultura». Engadiu que na exposición poderanse ver aparellos grandes e acabados, así como pequenos compoñentes.

Con motivo de Galicia futura, a Xunta encargou unha vintena de proxectos culturais. Deste xeito, á escolma do máis destacado da creación en Galicia durante as últimas décadas uniránselle pezas realizadas por Oliver Laxe, a directora escénica Marta Pazos ou o artista Rubén Ramos Balsa, entre outros.