«Don Paco é unha figura esencial e irrepetible dentro da cultura galega»

María Cuadrado Fernández
m. cuadrado LOURENZÁ / LA VOZ

CULTURA

Detalle do día do ingreso de Fernández del Riego na Real Academia Galega en 1960, acompañado por García-Sabell e Parga Pondal
Detalle do día do ingreso de Fernández del Riego na Real Academia Galega en 1960, acompañado por García-Sabell e Parga Pondal

O Concello de Lourenzá solicita á Real Academia Galega que se dedique o Día das Letras do 2022 a Francisco Fernández del Riego

02 jun 2021 . Actualizado a las 14:12 h.

Con Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) non caben dúbidas. Os tres partidos políticos con representación no Concello de Lourenzá, na Mariña lucense, aprobaron este luns en pleno e de forma unánime solicitarlle á Real Academia Galega que se lle dedique o Día das Letras Galegas do ano 2022 a don Paco. Na moción defenderon este recoñecemento para «un escritor, intelectual e político laurentino que desenvolveu desde a década de 1930 un traballo constante e recoñecido a favor da cultura e da lingua galegas».

Na sesión deuse lectura á proposta conxunta na que se repasa a súa traxectoria profesional e política, así como os numerosos galardóns recibidos por Fernández del Riego, quen no 2001 foi nomeado o primeiro fillo predilecto da vila, onde ten unha rúa, un busto na praza Conde Santo e ata un roteiro literario.

«Don Paco é unha figura esencial e irrepetible dentro da cultura galega», manifestaba só unhas horas antes do pleno o mestre xubilado e gran estudoso da historia local, Manuel Román, quen, xunto con Xosé López, é o autor do libro Vivir unha vida, reeditado e ampliado no 2011 como Lume aceso. Unha obra biográfica e de homenaxe a Fernández del Riego, froito de anos de investigación e de conversas co intelectual galeguista que, segundo Román, «serviu de ponte entre varias xeracións». Destacou a súa faceta como un dos principais artífices da editorial Galaxia e por ser o autor dunha extensa obra centrada principalmente na cultura e na literatura galegas. Dos paseos coa súa avoa Dominica polo Cantón, das colaboracións na revista Vallibria..., Román rescata algunhas das lembranzas da mocidade que compartiu con eles don Paco: «El sabía que a esencia do seu ideal galeguista estaba en Vilanova. Amaba profundamente a Lourenzá».

As peticións formuladas en anos anteriores pola corporación municipal ante a RAG non prosperaron, pero neste 2021 Lourenzá volve probar sorte e reivindica con máis forza ese papel protagonista para Fernández del Riego, ademais de solicitar que os principais actos teñan lugar na súa vila natal, onde tamén foi pregoeiro da Festa da Faba. Nesta ocasión dirixiranse ao resto dos municipios da Mariña, á Deputación de Lugo, ao Concello de Vigo e á Fundación Penzol para pedirlles o apoio máximo para que o 2022 sexa o ano de don Paco. A petición tamén a referendaron no seu momento colectivos como Patrimonio Laurentino.

«Ten méritos sobrados para este recoñecemento», incidía o edil de cultura, Manuel Arango (PSOE), quen adiantou que en breve se porá en marcha un servizo de audioguías que permitirá a veciños e visitantes percorrer espazos emblemáticos de Lourenzá, «moitos deles vinculados ás lembranzas e emocións» do intelectual. En canto a don Paco non hai discordia. Tanto o voceiro municipal do PP, Javier Rodríguez, como o do BNG, Kike Rocha, sinalan o gran traballo e a herdanza do ensaísta, narrador e editor. E ambos cren relevante pór en valor as súas orixes.