Pablo Seoane: «Hai que desterrar a visión do artista como heroe libertario, é un fraude»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O músico e filósofo ferrolán Pablo Seoane, ao piano, retratado nun ensaio
O músico e filósofo ferrolán Pablo Seoane, ao piano, retratado nun ensaio

O pianista e filósofo ferrolán analiza a creación musical no seu ensaio «Regla y tiempo real», que sostén que non cabe interpretación sen improvisación

31 may 2021 . Actualizado a las 21:45 h.

Todo o malentendido vén do Romanticismo. O momento en que a Arte pasa a proclamarse con maiúsculas e deixa de ser só as artes, algo que tiña que ver cun trato práctico das cousas e coa aprendizaxe dun oficio. Quen sinala esta perversa inflexión é o filósofo e pianista Pablo Seoane (Ferrol, 1968): «A partir de 1800 consolídase a figura do artista como gran sacerdote, a veneración dos artistas. Sucede moi particularmente coa música instrumental, de concerto, sen letra, digamos, que pasa a ser considerada a música absoluta, a máis inmaterial, libre, ese clixé que di que expresa cousas onde a linguaxe non chega». É a época en que a música se desvincula do hábito social, o único propósito social desta música é ser escoitada, cando antes participaba dunha circunstancia comunitaria determinada na que era un elemento máis. O seu carácter intanxible, volátil vaina recubrindo dunha pátina relixiosa.

«O músico busca veneración -apunta Seoane- e o espectador acepta este contrato de veneración un pouco bobo». Ata o Romanticismo non había unha grande separación entre as figuras do intérprete e do compositor. Pero despois a obra musical pasa a ser un obxecto absoluto, eterno -«puro platonismo»-, e o compositor, o gran demiúrgo, o facedor e custodio da partitura; o público poderá acceder a ela grazas a eses axentes subordinados que son os intérpretes.

O problema é que este tópico da busca da liberdade mantense e foi adoptado sucesivamente, ata polas vangardas históricas no século XX, onde os artistas querían achegarse á música sen os corsés da linguaxe, sen limitacións nin cortapisas. E así, mesmo ata hoxe, o free jazz, a arte sonora, as instalacións sonoras... Todos reivindican a liberdade como guía. Pero a ideoloxía que subxace é idéntica, o arquetipo do artista como xenio transcendente, como heroe libertador.

Nichos elitistas

«Todos os artistas enchen a boca coa liberdade. E coa mesma carga sectaria. Un marxista progresista como Adorno di que só a música atonal, e Schoenberg, encarna a verdadeira liberdade, un nicho moi elitista, mentres lla nega ao jazz e á música negra. E un conservador e católico como Chesterton, que tamén deplora o jazz, afirma que está nas cancións de borracheiras das tabernas».

Nesa liña que compón no tempo a música occidental chega este delirio épico de liberdade aos improvisadores -prosigue Seoane-, que asumen ese correlato que fai do seu unha práctica da democracia radical. «Majaderías -reproba- que só confirmarían que a improvisación como xénero segue sendo tamén un nicho elitista». O pianista ferrolán vén de publicar na editora sevillana Athenaica o seu ensaio Regla y tiempo real. Improvisación, interpretación y ontología de la obra musical, que presenta este xoves na libraría compostelá Numax e que analiza a creación musical, que -di- se desenvolve entre a norma (regras implícitas) e o instante (a interpretación, que sempre comporta improvisación).

«Hai que desterrar a visión do artista como heroe libertario, é un fraude, nun discurso netamente kitsch e que agocha un residuo crístico», clama o autor, que reproba que, como os anteriores, o improvisador -nunhas músicas que nacen a mediados do século XX- reclama para si a liberdade e «queda tan ancho cando despacha que o resto se move nun rollo facha, acomodados á ditadura do mercado».

Dano á educación

Este salto facilón do estético ao político é perigoso, advirte, e «volve sobre a idea da función redentora da arte, que é unha soberana pallasada». Os riscos, insiste, son moi grandes pola súa incidencia nefasta na educación en canto que, dalgunha maneira, vende fraudulentamente que o dominio dun oficio, a formación, non é asunto de vital relevancia.

«A improvisación, como institución, como xénero, tan chea de outsiders e inmaculados marxinais, é unha seita relixiosa e narcisista que repite trivialidades dun modo circular, unha e outra vez, intoxicada e encantada coa súa propia imaxe heroica e contracultural». Nese afán por diferenciarse do mundo clásico, incide, caen nos mesmos presupostos ideolóxicos de superioridade. Inmersos no mesmo cutre glamour, denuncia, nesa concepción da arte tan ridiculamente solemne, «enchen todo de melodrama, sentimentalismo e grandilocuencia».

«Está moi ben que ti te rebeles contra unha cuestión política nefanda, pero que creas que a túa música vai liberar ao pobo asoballado... Ao mellor é que non estás comprendendo nada. Tes que saber que incidencia política vai ter o que fas», conclúe.

«Os baleiros normativos non existen e, por suposto, hai norma alén do texto»

Lonxe de abrirse abismos entre Schubert, Coltrane e a improvisación libre, subliña Pablo Seoane, hai unha continuidade clarísima, con todas as reservas de estilo e as diferenzas de grao. «Un non crea desde a nada. Hai unhas regras de xogo. O noso labor conxuga un conxunto de instrucións e a interpretación. E esas instrucións non teñen por que ser escritas; de feito, ata o Barroco non había partituras [entendidas como elemento central da práctica musical]. Toda interpretación ten algo de improvisación. E nin o intérprete é un reprodutor, nin as partituras, sagradas», remarca o filósofo. Nese sentido, lembra Seoane, o compositor londiniense Ralph Vaughan Williams dicía algo así como que «unha partitura ten tanto que ver coa música como un horario de trens cunha viaxe en tren».

Todo intérprete toma decisións non prescritas de antemán -«non é unha máquina»-, nin de por si nin polo compositor. «Non existe partitura tan detallada que faga imposible que no tempo real non tomes decisións en cada momento», subliña para lamentar que os improvisadores libres se adxudiquen a liberdade absoluta, operar desde o baleiro normativo. «Un disparate. Os baleiros normativos non existen e, por suposto, hai norma alén do texto. Isto é unha variante do mito do bo salvaxe, a persistencia da nostalxia do edén. Pero non só é grotesco, senón tráxico, porque é entón onde aparecen as ilusións de autenticidade e o esencialismo identitario».

A proposta de Seoane é, en calquera caso, construtiva. O pianista postula, fronte a ese platonismo cheo de ínfulas, un modelo máis apegado «á materialidade e o performativo» e aos conceptos de xogo artístico e regra implícita. Un modelo que desaproba o culto ao santoral individualista e avoga polo colectivo. E sobre todo cultivar un certo desapego pola propia tarefa, unha certa ironía.