O espírito interdisciplinar da arte inunda Compostela da man do certame Plataforma

g. nOVÁS REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle de «Desfile entre tiempos», unha «performance» concibida por Amaya González Reyes
Detalle de «Desfile entre tiempos», unha «performance» concibida por Amaya González Reyes Sandra Alonso

A coreógrafa e bailarina madrileña La Ribot ofrecerá a súa visión sobre a danza contemporánea

27 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Botou este mércores a andar a segunda edición do certame Plataforma, un proxecto cuxo espírito interdisciplinar inunda estes días Compostela. O seu apelido Festival de artes performativas fala por si só. Ideado por Performa, Sociedade Cooperativa Galega -e que producen conxuntamente a Xunta e o Concello de Santiago-, busca tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, as artes escénicas, a literatura, a música, a arquitectura e o deseño, «convidando a reflexionar sobre o espazo público e integrando servizos e institucións da cidade para actuar como motor para o desenvolvemento e a cohesión social». Os seus ambiciosos obxectivos pasan pola súa transversalidade e o compromiso co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela, así como coa súa diversidade, a igualdade, a ecoloxía, a tradición e a innovación cultural, subliñan os promotores.

Como xa ocorreu na edición inaugural, no 2020, un dos pratos fortes do festival é a presenza da bailarina e artista visual madrileña La Ribot (1962), que ofrecerá a súa visión sobre a danza contemporánea nun novo formato coreográfico, Las piezas distinguidas. Poderá verse o 1 de xuño no CGAC e completarase cunha conversa coa artista ese mesmo día.

O Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá tamén en estrea absoluta a proposta da bailarina e creadora galega Janet Novás Where is Janet? Será este venres nunha escenificación e nunha segunda, o sábado. A programación inclúe tamén a exposición Accións peregrinas, que recompila algunha das instalacións paradigmáticas da artista Pilar Albarracín.

Ademais de museos, tamén se celebran concertos, performances e exposicións en espazos abertos e edificios como a praza do Obradoiro e a da Quintana, o parque de Belvís e o de Bonaval, a praza de Mazarelos e a de San Martiño Pinario, a Facultade de Historia e a Igrexa da Universidade.

Entre as preto de trinta accións previstas, participan ademais artistas e colectivos como Mariana Tegner Barros, Mar Ramón + Da Rocha, Félix Fernández, Mónica Mura, Lara Dopazo Ruibal, Vacaburra, Vasco Araújo e Marta Verde + DJ, Anacos... Tamén haberá achegas de Christian García Bello, Manuel Eirís, Juan López e a Banda Municipal de Compostela, Cabello / Carceler, Paula Quintás, Berio Molina e Alejandra Pombo, Orquestra Galega de Liberación, Olalla Cociña, Menina Arroutada, Marta Fernández Calvo, Pablo Fidalgo, Vertixe Sonora, María Roja, Lar Legido, María Ramos e Adriana Pazos Ottón.

«Performance» na praza do Obradoiro

A obra «Desfile entre tiempos», unha «performance» concibida por Amaya González Reyes (Sanxenxo, 1979), co concurso da Banda Municipal de Música de Compostela para a súa representación, puxo este mércores na praza do Obradoiro cor a inauguración de Plataforma. Trátase dun experimento que xoga coa improvisación nun escenario monumental. «Alguén se move, algo sucede. Algo toca. Ondean bandeiras. Seguir diferentes ritmos. Percorrer o espazo. Escoitar. Sentir. Cruzar miradas, compartir tempo. Estar. Celebrar. Volver atrás sendo outro, desaparecer entre a multitude», explica a artista galega.