Reivindicación no 130 aniversario do traslado de Rosalía a Bonaval

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O Museo do Pobo e a Fundación Rosalía piden que se regule o Panteón de Galegos Ilustres e acabar coa «situación indigna»

26 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A conmemoración do 130 aniversario do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro desde o cemiterio de Adina, en Iria (Padrón), ata a igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago, converteuse en todo un acto de reivindicación para lograr acabar co «baleiro normativo absoluto» do Panteón de Galegos Ilustres ao longo de toda a súa historio. «Non existe ningunha norma nin municipal, nin autonómica nin estatal que regule o funcionamento nin o financiamento do panteón. Polo tanto, é unha situación un tanto precaria, e mesmo me atrevería a dicir que indigna, para o que debe ser o panteón dunha nación», asegurou o presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, despois de depositar xunto ao máximo responsable da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, un ramo de flores na tumba da escritora. «As circunstancias actuais do panteón non son dignas dun espazo simbólico capital de Galicia», engadiu Angueira.

Beramendi lembrou o proxecto de lei que consensuaron hai once anos varias entidades sobre o espazo e que foi presentado no Parlamento, «pero quedou conxelado no caixón polo que agora facemos un chamamento para que se desbloquee esa situación para que chegue a ser un auténtico panteón de Galicia». Nesa proposta establecíase, lembra o presidente do Museo do Pobo Galego, que o Panteón quedaba baixo a tutela do Parlamento de Galicia e que se regulaban as condicións e mecanismos de acceso, esixindo un mínimo de 50 anos desde a morte da persoa ata propoñer o seu traslado ao mausoleo no que tamén están Daniel Rodríguez Castelao, Domingos Fontán ou Francisco Asorei, entre outros. «Aquí todos os que están son, pero non todos os que son están», engadiu Justo Beramendi, apuntando que «non se trata de traer os restos e remover tumbas, senón que, a base de cenotafios, houbese unha congregación de homes e mulleres de Galicia merecedores de estar presentes». 

Anxo Angueira tamén solicitou unha solución para o acceso público ao espazo, «que non se sabe como se entra». Desde a pandemia está pechado ás visitas sen petición previa ao non ter o Museo do Pobo os recursos suficientes para atender este servicio conforme á nova normativa sanitaria. Unha situación que lle comunicaron ao Arcebispado, titular da iglesia.

Tanto o Museo do Pobo como a Fundación Rosalía de Castro tamén fixeron fincapé na necesidade de obras no templo, ante o deterioro que presentan algúns elementos como fiestras ou zócalos. «É o único templo gótico que queda en Santiago», lembrou Beramendi.