«Todo remata e comeza no mesmo principio, no mesmo fin»

CULTURA

Lois Pereiro, o 3 de abril de 1996, durante un encontro na casa da cultura de Monforte no que presentou o seu libro «Poesía última de amor e enfermidade»; o escritor chairego Manuel María -á dereita- exerceu de anfitrión.
Lois Pereiro, o 3 de abril de 1996, durante un encontro na casa da cultura de Monforte no que presentou o seu libro «Poesía última de amor e enfermidade»; o escritor chairego Manuel María -á dereita- exerceu de anfitrión.

Cúmprense hoxe 25 anos do pasamento do poeta monfortino Lois Pereiro

24 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura de Lois Pereiro segue a brillar 25 anos despois do seu prematuro pasamento, do que se cumpren hoxe 25 anos. Nacido en Monforte en 1958, tería agora 63. Tras dedicarlle a Real Academia Galega o Día das Letras no 2011, a súa obra cobrou un novo pulo e quedou nidiamente proclamada a forte vixencia da súa lírica. Quizais o feito de que este 2021 se festexe a Xela Arias remarca ese feito, en tanto que ambos os dous autores conforman a quilla desa nave que é a poesía galega contemporánea máis actual e que voga bulideira.

Hai só unhas semanas saía do prelo Cadernos persoais, unha reunión de apuntamentos de cinco blocs de viaxe e unha axenda inéditos que rescatou a familia e que publicou o selo Chan da Pólvora en edición de Héctor Cajaraville. A estes materiais súmalle tres breves pezas escritas por Cajaraville, o amigo do poeta Fernando Saco e a súa irmá Inés Pereiro.

O volume axuda a comprender mellor os procesos creativos de Lois Pereiro, pero sobre todo dá unha visión íntima da persoa, que fai —sinala Cajaraville— que «o hermetismo, a marxinalidade ou a autodestrución non sexan máis ca un breve e incompleto abano das múltiples vertentes da súa achega lírica» e que emerxa un Pereiro «desprovisto do seu clixé de outsider».

O lector atopará anotacións de todo tipo, desde o transcendente —«Todo remata e comeza no mesmo principio, no mesmo fin»— ata o riseiro e o máis costumista, bares, bordeis, estacións en distintos lugares de Francia, Bélxica, Inglaterra ou Alemaña. Xoga cos idiomas, lembra fragmentos de cancións, esboza poemas, idea relatos, pero tamén se preocupa pola súa obra, pendente de entrevistas e reseñas... e enxalza a amizade. Tampouco evita reflexións máis negras sobre a enfermidade e a morte.