Catorce obras galegas finalistas na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle de Berbés UVigo, a nova sede para a Universidade de Vigo no centro histórico coa rehabilitación de tres antigas casas de pescadores, obra de Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso
Detalle de Berbés UVigo, a nova sede para a Universidade de Vigo no centro histórico coa rehabilitación de tres antigas casas de pescadores, obra de Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso

O COAG enxalza o respecto ao contorno e o servizo á sociedade destes proxectos

22 may 2021 . Actualizado a las 05:15 h.

Catorce dos setenta traballos finalistas da sección Panorama de obras da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) son proxectos realizados en Galicia por arquitectos galegos. É dicir, un 20 %. Foron elixidos entre os cen seleccionados previamente do total das preto de 600 propostas presentadas. A convocatoria -que dá unha idea moi aproximada do estado actual da profesión en España- sinalará cos seus premios o máis relevante do realizado no trienio 2018-2020. Os galardóns daranse a coñecer este verán na exposición desta 15.ª BEAU que, baixo o lema España vacía, España llena. Estrategias de conciliación, se celebrará en Barcelona e Valladolid, así como na súa sede virtual labienal.es. Exhibiranse do 28 de xuño ao 16 de setembro no Pavillón de Barcelona e do 2 de xullo ao 23 de setembro no Museo Patio Herreriano de Valladolid.

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), pola voz da súa decana, Elena Ampudia, amosou o seu orgullo polo importante recoñecemento que supón para o labor dos arquitectos galegos. «As obras finalistas son todas elas exemplo da boa arquitectura que se realiza en Galicia, obras de arquitectos comprometidos co seu traballo e a súa terra, unha mostra do respecto ao contorno e do servizo á sociedade», enxalza.

Entre as obras finalistas, detalla o COAG, está o Berbés UVigo, a nova sede para a Universidade de Vigo no centro histórico coa rehabilitación de tres antigas casas de pescadores, obra de Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso; a escola infantil A Baiuca na Estrada, executada en madeira, tamén de Abalo e Alonso; e o campo de fútbol de A Gandareira, na parroquia de Manduas en Silleda, de Abraham Castro Neira e Carlos Alberto Pita Abad. Tamén a casa O Fieiro, rehabilitación dunha pequena cuadra para animais en Mazaricos, obra de Arturo Franco; a cooperativa de vivendas Trece Rosas, de Manuel Carbajo e Celso Barrios, en Santiago, nun polígono residencial xunto ao monte de Conxo; a recuperación do Lavadoiro de Artes, dos anos 40, en Ribeira, de Carlos Seoane; o banco do Piñeiro, tamén de Seoane, que busca xerar camiños nun contorno onde se unen valores patrimoniais diversos -históricos, paisaxísticos e botánicos-, en castro da Cidá, en Ribeira; o centro social de Cornido, de Covadonga Carrasco e Juan Creus, que crean un pequeno edificio para unha pequena comunidade na aldea de Cornido en Carnota; e Tribuna Pública, instalación temporal na praza próxima á Fábrica de Tabacos da Coruña, do estudio Flu-or e Alba González. A lista continúa coa rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Miraflores, Muros, de Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes; os Prados de xogo A Fouteza, en Mos, de Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera; a Biblioteca e arquivo municipal de Baiona, no antigo Hospital Sancti Spiritus, de Clara Murado e Juan Elvira; a Modificación puntual do Casco Vello de Vigo, documento urbanístico que ten como fin adaptar a norma á ordenación e ao proxecto gañador do concurso de ideas da Panificadora, de Jorge Salgado e Celso López; e o Complexo turístico de Albeida, en Outes, de Alfonso Salgado e Francisco Liñares.

O xurado valorou especialmente a resposta que cada obra achega en relación ao seu contexto: «Responden a los retos de la sociedad, se vinculan y enraízan con los lugares donde se asientan y aportan soluciones para mejorar el contexto social y cultural en el que operan», subliñou.